Mostrando entradas con la etiqueta Blog de Antonio Prado. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Blog de Antonio Prado. Mostrar todas las entradas

18 dic 2013

Vai de roncos

Incomprensible. A actitude de Susana Seivane e Cristian Silva no Luar do pasado venres non ten perdón. Defender a súa cultura? Por favor! Debería caerlles a cara de vergoña por plantarlle cara a un invento que o Sr. Xosé Lois Foxo vende como galego.

É televisión, pero que máis dá o espectáculo que se monte, e que máis dá se teñen razón nas súas verbas? A actitude non foi a correcta, que feríu a un pobre rapaz que non tiña nin idea do que estaba a facer, ben se vía na cara de coitadiño que tiña mentres afinaba cada ronco da súa gaitiña que, por certo, como xa estaba virtualmente eliminado levou, no canto de empregar a tradicional que levara na primeira ronda. Ai, meu pobre!

Ademáis van a falalo no Luar, no que ata vai Isabel Pantoja! Van de enxebristas e logo levan a cantantes de copla, xa lles vale, aínda que non teña nada que ver unha cousa coa outra, isto con Fraga non pasaba! 

Non imos a intentar pensar nin un minuto que as críticas van encaradas a defender a súa cultura, a nosa, a de todos, a que debemos de coidar cada minuto e ten unha variedade e calidade envexable de por si, xa que sería inxusto que o fixeran logo de que Denís fose a concursar ca gaita marcial, tiñan que estar calados xa que somos todos amiguiños, e os discursos políticamente incorrectos é sabido que non quedan ben.

Que os rapaces se achegan á cultura galega dun xeito que non é o correcto? Non importa Susana, non o digas nun programa de televisión, que está claro que o dis para que a túa familia venda máis gaitas.

Por todo isto, GRAZAS por dar a cara pola nosa música no Luar.


Imaxes: Páxina de Facebook "Non á falsa tradición galega na CRTVG".

Antonio Prado.

16 sept 2013

O Festival da Luz convírtese na súa 2ª edición nun referente no país

Tivemos a oportunidade de desfrutar da xornada do domingo no Festival da Luz que se celebra en Boimorto e quedamos absolutamente abraiados por todo o que rodea ó mesmo.

Boimorto era terra de contrastes, e foron estes mesmos os que lle daban moita da esencia ó festival. Podía pasar (e pasoume), que logo de desviarte cara Andabao, houbera unha retención de vacas que fixeran que perderas uns minutos antes de chegar ó recinto, que non cadraba que estivera alí pero logo duns kilómetros no rural galego, vías dende arriba a tremenda infraestructura que tiña un festival coma este, e sabías que sería un día para lembrar.

Pasaban uns minutos das 11:30 cando abrían as portas do recinto, e centos de persoas comezaban a encher o distintos postos de artesanía, alimentación, bebidas... e se ía aglutinando a xente no escenario principal para ver a primeira actuación do día, a de Xacarandaina, que fixeron un papel excepcional. Ós que nos gusta o noso folclore nos escenarios, tivemos unha boa ración do mesmo, xa que estamos acostumados a ver as súas galas, pero actuacións coma esta, se cadra é unha opinión persoal, pero fan que desfrutemos aínda máis co seu bo facer.

A actividade non cesaba, e non había máis de cinco minutos sen unha actuación, nun dos dous escenarios. Logo presentou Narf a súa nova formación, que lle gustou moito á xente, e con semellantes acompañantes non é de era de estrañar, o mesmo que sucedeu logo con Novedades Carmiña. Os Rastrexos Project tamén foron unha agradable sorpresa para o público xusto cando a gran maioría estaba xantando.

Ás tres e media da tarde comezaba o concerto de Sílvia Pérez Cruz, a cantante de Palafrugell xa encandilaba ó público cantando en galego, como fixo en xuño en Santiago, e a partir de aí só había que mirar a reacción da xente para ver que estabamos todos engaloiados escoitando a Sílvia e ós fantásticos Joan Antoni Pich, Mario Mas, Raúl  Fernández "Refree" e Miquel Àngel Cordero que a acompañaron no concerto. De novo, a simpatía e achegamento que amosa sobre o escenario, fixeron que os asistesen desfrutasen, sendo moitos a primeira vez que a vían, como contaban ó finalizar o concerto logo de dúas gran cancións. A primeira foi a emocionante "Gallo rojo, gallo negro", canción que fixo que moitos a coñecésemos ó cantala con Coetus, e, pese a que non había tempo para máis, Luz Casal subíu ó escenario para dicirlle que podía facer outra aínda pasándose do tempo, o cal foi un xesto que amosou o poder da súa voz, xa que a seriedade cos horarios era total. Para rematar decantouse pola habanera "Vestida de nit" composición dos seus país, e todo isto coa pequena Lola, a súa primeira incondicional, aplaudindo na beira do escenario.

O festival comezaba a encherse, os Hollywater tiveron moita xente véndoos, pero a maioría ía cara o escenario principal para ver a Dover, a verdade mellor non facer moitos comentarios dese concerto, só que é unha demostración do que fai a música comercial, auténtico dor de cabeza para outros. Por sorte, logo foi o momento de Amparo Velasco, "La negra", que tamén encheu ca súa voz e o seu porte no escenario.

Carlos Núñez tocou uns minutos despois das sete da tarde, e fixo un repaso moi ben levado por case toda a súa traxectoria. Dende Irlanda a Brasil, os que estamos acostumados a velo xa sabemos algo de memoria o guión, pero sorprendeu engadindo cousas novas, xa que ata se animaron a cantar, dende logo saben como quedarse ca xente que os está vendo. O mellor foi a intervención de dúcias de gaiteiros e percusionistas da zona, que colaborando nalgúns dos temas, facían que soase cunha forza que levantaba ó público, a maioría agardando xa a Fito.


Non sabían moi ben o que se perdían todos os que agardaban o último concerto da noite, xa que o de Sés foi incríble. Penso que non hai artista en Galicia a día de hoxe que se quede máis ca xente, aínda que non a coñeza de nada. Coma en tódolos lugares, había algún que dicía "Pero esto que es, ¿un mitin?", o certo é que María Xosé o único que fixo foi dicir verdades, ás que nos ten acostumados. Sés é un fenómeno que segue o seu curso, e cada día máis xente aprende das súas cancións, do seu estilo, e da súa forma de vivir.

Fito e Fitipaldis servía para poñer o broche a un festival coma poucos, organización excelente, pago con púas, demarcacións de millo, os servizos entre este (emulando á gran muiñeira de Anxo Pintos), que son un claro guiño a calquera romería galega. Por poñer un pero, o excluído que estaba o galego no mesmo, pero de verdade que impecable todo a nivel organizativo, por moitos anos máis de Festival da Luz!

9 jun 2013

Sílvia Pérez Cruz e Javier Colina enchen de cultura o Gaiás.

Pasaban uns minutos das nove da noite cando se asomaban ó escenario do Museo Centro Gaiás Javier Colina, Marc Miralta e Alberto Sanz para comezar o seu concerto no ciclo "Pel de Galiña". Logo dunha peza do trío, Javier presentou o concerto, e advertindo novamente de que a xente se fixase nas letras das cancións, chegou Sílvia Pérez Cruz baixo a primeira gran ovación do concerto para comezar con "Debí llorar", que abre tamén o seu disco "En la imaginación" (Nuba Records / ContraBaix, 2011).

Unha velada chea de emoción e sentimentos atopados, cunha grata cercanía entre os artistas e o público dende o inicio, cando Javier Colina deu a benvida a "aquí", en referencia á faraónica obra na que se desenvolveu o concerto, algo que repetiu en varias ocasións, dende logo o que lle dixemos o venres de que ó non coñecer a Cidade da Cultura xa nos contaría que lle parecía, quedou claro nesas presentacións.

Marcáronse un guión cos temas do disco, e nun dos máis fermosos, e que foi o que fixo que Javier e Sílvia comezasen esta andaina nunha colaboración co trío, o arrolo "Belén", a propia Sílvia introducía un arrolo popular galego incluído na segunda parte do "Meu meniño" da súa ópera prima "11 de novembre". Nese momento, como era de agardar, levantou de novo ó público ó utilizar o noso idioma na súa cálida voz.

Pouco máis que dicir deles, unha xoia en bruto que de seguro que continuarán con este dúo durante anos, xa que funciona á perfección, a conexión entre músicos co público é fantástica, e boa mostra diso foi que tiveron que facer dous bises, dado que todos os asistentes arrincaron con minutos de aplausos nese emprazamento que soaba realmente ben, sobre todo co que se podería contar de primeiras vendo a complexa arquitectura, e no que a Zona A estaba chea e na B había arredor de dous tercios de entrada.

Continuará o ciclo "Pel de Galiña" con Gabriela Montero o 21 de xuño, Uxía con Antonio Zambujo de convidado especial o 12 de xullo e Gregory o 26 dese mesmo mes.

17 dic 2012

CoraSóns, o proxecto da amizade que chega á Coruña

Un proxecto que naceu froito da casualidade, desembarca no Teatro Colón con máis de vinte músicos chegados dende Galicia, Portugal, Brasil e Angola que están a piques de presentar un disco, libro e DVD.

"Quen ve coraçoes", unha páxina web da pedagoga de oficio, aínda que fotógrafa de corazón, Isabel Leal, chamou a atención de Uxía. Alí aparecen fotografías dos corazóns que podemos atopar na nosa vida, naturais ou feitos pola man do ser humano. Tanto lle gustou a Uxía, que lle propuxo á autora, á que xa coñecía de proxectos musicais, facer unha exposición na Casa das Crechas, e inaugurala dun xeito moi especial, cun concerto no que se cantasen temas relacionados coas súas imaxes, os seus CoraSóns.

A partir de aí, a idea foi medrando, e sinalaba Magín Blanco, que logo dun concerto fantástico en Porto, plantexáronse gravalo, o que foi un punto de inflexión xa que para iso había que traballar en torno a composicións máis que versións, para o que entrou máis de cheo. Para gravalo, decantáronse pola Illa de Arousa, e na semana santa, e baixo a dirección de Paco Abelleira, xa se presentou en Cineuropa o documental do proxecto. O disco, libro e DVD, agardan telo listo para a primavera.

Uxía teno claro, CoraSóns é máis que un concerto, é "unha festa de amizade, de encontro, da lusofonía". Indica que é moi fermoso e enriquecedor ver a xente profesional da música con outra que non o é, pero compartindo unha mesma paixón. Isto reafírmao Carlos Blanco, explicando que por exemplo, "cantará unha cardióloga guapísima, o que demosta que é un proxecto multidisciplinario".


O contrabaixista da banda, Pablo Vidal, declara que o pasa en grande formando parte do concerto, polos gusto de tocar con eses músicos pero aínda máis polas voces. Participarán neste concerto do xoves no Teatro Colón, entre outros, Joâo Afonso, Najla Shami, Xoán Curiel, Aline Frazâo, Sergio Tannus... e unha colaboración moi especial, a actriz María Pujalte.

No que están dacordo os catro é que o ambiente é o verdadeiro protagonista, unha conexión entre países, entre culturas, un latexo no corazón de todos os que podemos desfrutar deste proxecto.

4 ago 2012

A música comeza a rodar nas rúas de Lorient


Un showcase de Craobh Rua no Dôme foi o encargado de abrir o festival, seguido pola velada Folk Rock no Espace Marine.

Chegou o comezo do Festival Interceltique de Lorient o venres 3 pola tarde. O Dôme é unha cúpula colocada entre o Grand Thèatre e a parte do festival onde as carpas se xuntan cos bares e pubs, postos de comida... e nel, deu comezo o festival co showcase de Craobh Rua. Un pouco despois do horario previsto, saíron os catro músicos a amosar unha parte do seu repertorio, facendo as delicias á xente alí congregada, e que ata se animou a bailar ó seu son. Moita presenza da música vocal neste grupo, falando francés e bromeando co público.

A noite chegou con dous concertos, o primeiro no Quai de la Bretagne, e ademáis de PB3 e Titom, os que mellor chegaron ós asistentes, que non pararon de brincar, foron os locais Mnms, cos que as rodas bailando bretóns inundaron este espazo, ó igual que se inundou a vila nunha monumental tromba de agua que fixo que moita xente abandoase o centro, pero foron moitos os que alí continuaron dando comezo a estes días de troula.

No Espace Marine, a gran carpa de concertos desta celebración, festexou a noite Folk Rock, que abriu Krismenn, un francés que co seu beatbox, as súas nocións de DJ e un contrabaixo comezou a quecer o ambiente, para que cando o acadienne Joseph Edgar, primeiro cuns temas en solitario, e de seguido coa súa fantástica banda, xa comezase a meter adrenalina nos corpos dos alí congregados. A gran estrela da noite era, sen lugar a dúbidas, Buffy Sainte Marie, que coa súa desgarradora voz fixo que toda a xente que acudiu a vela marchase coa impresión que quería, a verdade é que, a pesar de ser unha artista pouco coñecida para o público xeral, podería arrasar na lista de vendas de moitos países.

Como é habitual neste tipo de eventos, a música estaba en cada esquina, cada pub, moitos escenarios na rúa, as carpas dos distintos países celtas, espazos con concertos onte, por exemplo na carpa galega, os Vaamonde, Lamas & Romero, a pesar da súa inigualable retranca galega, fixeron unha conexión co público bretón excelente, un público que, sexa dito, desfruta coma poucos da nosa gastronomía.

17 may 2012

Resultados dos XI Premios Opinión

Os XI Premios Opinión celebráronse onte nunha noite chea de música no Teatro Rosalía. 

Antonio  Prado | Abriron a gala o dúo formado por Susana Seivane e Rodrigo Romaní, para dar paso ao primeiro premio da noite, o V Premio "Andaina Senlleira" que recoñeceu o traballo dunha banda fundamental na historia da nosa música como é Fuxan os Ventos.

Chegou  Fran Pérez, "Narf", para continuar a velada con textos de grandes autores (como fixo despois Lucía Rolle) e un do seu pai. A propia Lucía Rolle, acompañada de Xosé Lois Romero deleitou aos asistentes que enchían o teatro coa súa fermosa voz.

O momento cumbre da noite veu antes da actuación de Moxenas Musical Galego, coa entrega dos premios. Comezouse polo mellor disco, que caeu en mans de Doa polo seu traballo "A fronda dos cervos", e Susana de Lorenzo e Xoan Piñón foron os encargados de recollelo. Veu despois o premio á mellor canción orixinal, que foi para "Jumping Bits", un tema de Luis Peixoto incluido no primeiro traballo discográfico do trio Assembly Point, e o propio Luis e Fernando Barroso subiron a recollelo emocionados, xa que como manifestou Luis, non contaban con poder gañar algo así competindo con traballos de tanta calidade. O broche dos premios era o que recoñecía ao mellor artistas, e foi a caer en mans de Uxía polo seu traballo "Meu Canto", quen foi a recollelo adicándollo a moita xente, e moi especialmente a Sergio Tannus, que tivo un papel fundamental nese disco.

A noite pechou como dicíamos co concerto de Moxenas Musical Galego, unha orquesta folk que ten moito futuro, xa que os seus compoñentes son moi novos e están cheos de ilusión, facendo un papel brillante para despedir o acto.

Deixámosvos cunha curiosidade, xa que o tema "Jumping Bits" tivemos a sorte de que os propios Assembly Point o interpretasen en Folk in Trío o día despois da súa estrea como grupo en Oporto:


14 abr 2012

Quempallou - Vellas Novas (2012)

Houbo que agardar cinco anos para que os Quempallou baixasen da súa viaxe "Polo aire" na que facían un disco no que a radio tiña un protagonismo moi especial para que nos contasen estas "Vellas Novas" que veñen de sacar ao mercado.

Foron moitas as cousas que cambiaron para este grupo, e comezando pola súa formación, xa que dende ese anterior traballo houbo dúas baixas, as de Xulio Abal (arpa) e Xulio Coira (gaita e clarinete), que a pesar de que fixeron que non se notasen en gran medida, o certo é que se botan en falta sobretodo eses momentos nos que Guillerme e Xulio facían as delicias dos seus seguidores coa gaita e requinta o primeiro e a gaita e o clarinete do segundo.


Comeza con moita forza o disco, cun par de pezas cantadas que estiveron dispoñibles dende unhas semanas antes na súa web e que mesturando a tradición e a orixinalidade animan a bailar, un requisito indispensable para os concertos de Quempallou. Hai tempo para os agarrados, para botar unha xota ou unha muiñeira, pero tamén para durmir... ou para quedar durmido! Pero non é nada malo non, é que inclúen por primeira vez un arrolo entre as pezas dos seus discos.

A portada a modo de xornal, un formato que se mantén no libreto, o xornal que ten un sumario onde xa ollas todo o que vas a atopar e onde nas fotos vemos de novo o grande respeto pola nosa tradición que teñen. Aparece Farruco de Murias, tamén o finado José Rama, Ramona da Estrela... responsables dalgunha das pezas do disco.

Chama moito a atención o "Viva a parodia", que con música e letra tradicional (de Beluso, Bueu), os Quempallou aderezan convertíndoa nunha das máis rítmicas que hai. Algo que tamén se pode botar de menos é o contido social que se atopaba nalgunhas das letras de publicacións anteriores, aínda que como dicíamos, este xornal que serve como libreto esta feito reivindicando a presenza de prensa en galego, o cal tamén se agradece nestes tempos tan duros! Outra peza que chama a atención é a que pecha o disco, xa que se no anterior foron os Dios ke te Crew, agora é Leo i Arremecaghona o que pon un toque distinto, unha esencia punk cunha letra que si que nos deixa claro o mundo onde vivimos.

Quédome cunha frase que me chamou especialmente a atención... "Practicar muiñeira unha vez ao día recude o acido folclórico", xa sabedes!

Antonio Prado | Folk in Trío

21 ago 2011

A nova etapa de Os Cempés comeza con toda a forza posible dende Fisterra


O verán do ano 2007 trouxo a nova da despedida dos escenarios dun dos grandes grupos galegos como son Os Cempés. O 22 de Decembro dese mesmo ano o último concerto enchía Ferrol de xente con moitas ganas de ver a eses referentes para todos xa que todo o que se dicía era bastante turbio sobre a súa volta e quen sabe, se cadra era a derradeira oportunidade de velos en acción.

Houbo dende aquela un par de xuntanzas como o ano pasado en O Grove ou no Lugnasad de Bretoña, entre amigos, rememorando os temas máis coñecidos do grupo, pero este ano as tornas mudaron e Os Cempés volven para quedarse.

A primeira cita foi onte en Fisterra, na Festa Folk na fin do Camiño, unha cita que dende hai xa trece anos se ven celebrando na localidade de Anchoa e que este ano tivo unha repercusión especial por esta volta. Entre boa comida (como todo o traballo, feito pola Asociación Anchoa, parabéns!), comezaron a tocar uns festexeiros como son A Requinta da Laxeira, que hai que dicir que aínda aguantaron bastante tempo no escenario, porque xa sabemos que onde se manexan ben é nas distancias cortas, e así fixeron, armando unha boa festa no torreiro, quedando quente para que arredor das once e media comezasen a escoitarse berros de Opaii entre o público.

Serxio Cés, Óscar Fernández e Antón Varela son os veteranos nesta formación na que debutan Fernando Barroso (Assembly Point, Riobó, Coanhadeira...), Ramón Dopico (Berros do Castro) e Pablo Dalama (Mamá Cabra, Davide Salvado, A Banda das Crechas...), seis músicos que compoñen a nova etapa de música e diversión, unha fórmula xa coñecida para todos os amantes de Os Cempés. Cando o Pasodoble romántico soaba en Fisterra, o torreiro xa estaba cheo de xente bailando, poucos poden dicir eso no segundo tema.


A que nos recordou este concerto? A pesar de que as comparacións son odiosas é certo que houbo diferencias respecto ao grupo de hai catro anos polo simple cambio de instrumentación, pasando a unha percusión máis sinxela no canto da batería, que levaba un gran peso, e achegándose quizáis ao grupo entre os discos Capitán Re e Circo Montecuruto, un toque máis tradicional. Non faltou o humor, as presentacións de Óscar e Serxio, as cancións nas que todo o público coreaba, a Sara Sariña, as discusións de amigos entre os propios Serxio e Óscar, os cambios de pezas... pouco máis hai que dicir, só que agardemos velos moi pronto por moitos dos festivais galegos, ou nalgunha tasca, a excusa da igual cal sexa con tal de poder desfrutar da súa música.

O certo é que a noite foi cara abaixo, xa que The Crass a pesar de ser uns músicos excepcionais ofreceron un espectáculo bastante mediocre, sen recordar en moitas ocasións que enriba dun escenario hai que manter as formas, con continuos reproches ó técnico de son fóra de lugar. A noite rematou co concerto de Mordecans, aloxándose do folk, unha proposta de rumba catalana que non triunfou tampouco entre os asistentes, que agardaban outro estilo de música nun festival dese tipo.

7 ago 2011

Un ano máis, a Festa da Carballeira consegue un gran éxito

O sábado o mundo folkie que ía a partir ou que xa estaba en Zas non facía outra cousa que mirar ao ceo. Era a gran preocupación de todos, posto que a festa estaba garantida, os grupos preparados e a carballeira un ano máis chea dun ambiente excepcional.

Antonio Prado | Por sorte arredor das cinco da tarde caeron as últimas gotas que precediron a unha festa como cada ano o primeiro sábado de agosto. A media tarde xa se podía desfrutar no escenario de abaixo da mostra folclórica na que coma sempre participaron os anfitrións, a A.C. Castro-Meda de Zas, xunto co grupo folclórico de Palacio de Rei (Lugo) e unha banda de gaitas que chegara de pretiño, Inllar de Ponteceso. Moita xente desfrutando desta sesión de música e baile tradicional, mentres uns raios de sol animaban a desfrutar do que dende Castro-Meda levaban preparando durante meses.

Dende As Pontes chegaron os Muxarega, un grupo xa veterano posto que leva quince anos sobre os escenarios, pero que cos compoñentes actuais desprende xuventude. Foron os encargados de poñer a brincar á xente que iba chegando á Carballeira de Velar, que foi moita á primeira hora da noite por un motivo, que moitos non se atreveron a acampar e entón xa foron directos para alí. Presentaron os temas do seu traballo discográfico "8 soños" pero tamén outros temas cos que o público comezou a cantar.

Foi logo o turno dun grupo que recomendáchedes vós hai uns meses cando o preguntamos e que dende a organización fixeron caso das opinións. Os ourensáns Coanhadeira foron unha das grandes estrelas da noite, poñendo ó publico en pé no seu concerto no que contaron ata co clube de fans que levou unha pancarta que dicía "Na Carballeira con Coanhadeira". Temas dos seus dous traballos discográficos "Haique" e "Po" pero tamén presentando novas cancións que deleitaron ás 7.000 persoas que enchían o recinto.

Persoalmente podo dicirvos un comentario que escoitei alí, xa que houbo xente que dixo que o grupo lle recordaba moito a Berrogüetto, algo que dende logo é todo un piropo que recibe ben calquera. Co tema "Tres Bágoas" non deixaron pasar a oportunidade de agradadecer o camiño a toda a xente que viu antes de nós, á organización e tamén ós asistentes.

O prato forte da noite chegou dende Euskadi coa actuación de Korrotzi. Con Agus Barandiana ao fronte coa tradicional trikitixa e a voz fixeron tremer a terra de Zas, xa que a xente non paraba de moverse aos seus ritmos. Animou moitísimo a actuación o acompañamento do grupo Oinkori Danza Talea, que presentaban "Infernuco Hauspoa", que amosa un espectáculo visual vendo as danzas ó mesmo tempo que escoitas a música e que foi o que fixeron o pasado ano para gravar un DVD co mesmo nome no que colaborou a ETB.

Quizáis decepcionou algo a actuación dos consagrados For men and a dog polos problemas técnicos que tiveron, aínda que o seu bo facer deixou aos asistentes dando palmas e desfrutando do grupo extranxeiro desta xa vixesimoséptima edición da "Festa da Carballeira", unha cita máis que consagrada e que ano a ano non fai máis que aumentar as boas críticas, convertíndose nun exemplo para moitos outros festival de similar formato.

A noite rematou oficialmente como estes anteriores anos, un grupo galego non tan achegado á música folk pero que o que fai é unha festa contínua, e ao igual que O Sonoro Maxín e a Banda Potemkin os anteriores anos, os Festicultores chegaron cargados de enerxia, algo que para moitos escaseaba ás catro da mañá pero que eles mesmos recargaron co seu humor.

Coma sempre, fóronse montando grupiños de amigos, de xente que se xuntaba con outra xente e ata que era día en Velar estiveron desfrutando dos últimos momentos desta edición dunha das grandes festas que temos en Galicia.

4 feb 2011

Bellón e Maceiras triunfan na Arxentina

Antonio Prado . Cosquín é unha das citas ineludíbeis no top ten do folk mundial. Daniel Bellón e Diego Maceiras repartiron a súa arte con mestría, poucas semanas despois de lograren o éxito tamén en Moscova.

En Rusia a xente descubriu con moita ledicia o son do instrumento máis galego, xa que atendendo ao nome do seu primeiro traballo discográfico, Bellón e Maceiras seguen coa súa Unión das terras, xa que alí tocaron cunha recoñecida organista rusa e en Arxentina fixeron o propio con Dulce Pontes e Juan Carlos Cambás.

Medio millón de persoas tiveron o gusto de desfrutar na noite do luns 31 de Xaneiro da música de Daniel Bellón e Diego Maceiras en directo no Festival de Cosquín. Unha cifra enorme pero que queda en nada se a comparamos cos máis de 12 millóns de persoas que non perderon a cita na televisión pública da Arxentina.

O Festival de Cosquín é un dos máis seguidos do mundo no eido do folk e conta con pequenas sucursais, entre elas o Festival de Cosquín en Vilagarcía de Arousa en outubro do pasado ano, co nome de Son de Lúas.

Na intervención da delegación española, Juan Carlos Cambás foi o encargado de presentar o dúo galego, amosándolle á xente que era a primeira vez que unha gaita estaba en Cosquín, e ademais da man do gaiteiro máis laureado de Galicia. Comezaron cunha chacarera para continuar coa Muiñeira de Pontesampaio con sabor á propia danza arxentina.

Foi logo a vez de Dulce Pontes, que comezou cantando o popular “Lela” e outros temas portugueses. Do máis emotivo foi o final, xa que interpretaron a coñecida canción “Sólo le pido a Dios” do compositor argentino León Greco que inspirou na ditadura do seu país, o exilio de Mercedes Sosa e o probábel conflito entre Chile e Arxentina. Ao rematar, o público en pé mentres Cambás recordaba que Pontes está nominada aos Grammy's.

21 nov 2010

O folk de hoxe, clásicos e modernos en plena forma

Antonio Prado . A música tradicional galega vive hoxe un momento moi interesante. Os grupos veteranos, en moitas ocasións con máis de 20 anos de existencia, están frescos. Os máis novos saben gardar a esencia sen renunciar a ningún experimento que os achegue aos gustos do século XXI.


Non é doado analizar a situación da música folk galega na actualidade pero, para comezar esta serie de colaboracións con A Nosa Terra, penso que o mellor é que poidades coñecer cal é o meu punto de vista no asunto.

Temos a sorte de estar a vivir un renacer da música galega, e xa non pola forma senón polo fondo. Se ben é certo que cada día pode ser máis sinxelo publicar un disco, estamos logrando para a música tradicional un respecto absolutamente necesario para apoiar unha das formas de cultura máis desprestixiadas no noso país. Isto tamén daría para falar noutro intre porque o tema pode ser longo.

Pouco e pouco, tanto co empeño persoal como a partir de axudas de distintas institucións, o número de espazos onde poder amosar o que fas é maior. Isto podémolo comprobar sobre todo no verán se collemos unha axenda de concertos e analizamos que a gran maioría de localidades teñen un festival folk, non coa mesma dimensión que ten o festival do Mundo Celta de Ortigueira –que tanto está a perder en calidade de asistentes– pero si cunha plataforma de apoio á nosa música de raiz.

É certo que as institucións poden chegar a patrocinar festivais pero tamén fan por desprestixiar a nosa música como a que máis, xa que debemos recordar que formacións como a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense non teñen nada que ver co noso e se están aí é polas públicas.


A saúde dos grupos

A calidade dos grupos cada vez é maior, e mentres Berrogüetto segue facendo un folk sensíbel que o converte no mellor grupo de música folk galega e que por certo ven de gravar o seu primeiro DVD o pasado sábado no Auditorio de Galicia de Compostela, Luar na Lubre está a explotar a súa fórmula de seguir cos clásicos, cun público que non lle falla e sacando novos discos case que cada ano. Agora tamén toca falar de Fía na Roca, outro dos grupos con máis traxectoria de Galicia, que dará por rematado o seu ciclo no mes de Xaneiro, no que se despedirán no ‘Celtic Connections’ de Glasgow após máis de vinte anos dándolle outro enfoque ao folk galego.

Por suposto, non podemos lembrar os grupos veteranos que fixeron posíbel todo isto sen falar de Milladoiro, que tamén seguen a actuar cunha forza que fai dubidar que leven máis de 30 anos nos escenarios. O pasado ano voltaron Fuxan os Ventos cunha nova proposta arrasou alá por onde foi.

Falando do tradicional, non podemos esquecer o renacer de Noitarega coa publicación do seu traballo “XXI” e tamén de grandes formacións como Os Terribles de Donas que non fan máis que acadar prestixio para o noso.

Unha nova corrente de grupos está a consolidarse, e está pisando con forza, tamén no estranxeiro. Grupos creados por xente nova, como é o caso de Bellón & Maceiras Quinteto, transmítenlle un novo aire a esta música, incorporando novas formacións e instrumentos que fusionan jazz, swing, tango, blues... e todo cun toque galego. Tamén están a dignificar a tradición grupos cun estilo de murga tradicional cun chisco contemporáneo, caso de Linho do Cuco, ou descubrindo até onde pode chegar o folk, con propostas como Marful.


Vía [A Nosa Terra]

15 nov 2010

Riobó deixa o pavillón ben alto para o vindeiro Fórum Folk


Remataron os concertos do Fórum Folk 2010 cun concerto maxistral.

Antonio Prado | Aínda que o 20 de Decembro vai a haber un concerto participativo de Cantos de Nadal, o Fórum Folk tivo o pracer de recibir ao grupo Riobó para pechar este ano de música folk.
A formación con orixe en Vigo chegou á Coruña para dar a coñecer os prolegómenos do que será o seu primeiro disco, que sairá ao mercado nos vindeiros meses. Fon un novo folk galego, fixeron que o público que acudiu a esta citase enganchase ao fio do concerto dende o seu comezo.

Unha das grandes características desta formación é a interpretación de temas tradicionais e de autor galegos, xa que eu pensaba que tamén ían tirar por pezas de fóra, pero abogan por manter e difundir o noso. Se ben o comezo foi algo deslucido polos problemas de son coa guitarra de Fernando Barroso, en canto estes problemas se arranxaron o grupo puido amosar o encanto do seu directo.

Estes cinco recoñecidos músicos, fixeron que pezas de Ricardo Portela ou dos Trinta de Trives soasen actuais, e tamén que tivesen un toque a un folk que temos acostumado a escoitar de grupos irlandeses. Falando dos Trinta de Trives, cunha peza dos mesmos, o seu fermoso Pasodoble dos Trinta producía un dos grandes momentos da noite, xa que con Begoña Riobó e Xosé Liz sós no escenario deste Fórum Metropolitano, en dous minutiños que dura o tema demostraron todo o seu bo facer. Hai que dicir que as pezas teñen grandes arranxos dos músicos do propio grupo, e que tamén eles son autores dalgunha das pezas.
  • Pouco público no Fórum Folk
Non me entra na cabeza que nesta cidade a xente se queixe ás veces de que temos pouca programación folk (algo que nos últimos anos tampouco é para nada certo) e que logo, coa oportunidade de ver a xente como Begoña Riobó, Xosé Liz, Fernando Barroso, Marcos Campos e Fernando Pérez e a asistencia sexa tan pouco numerosa. Non temos a excusa do tempo, xa que me lembro tamén dun concerto dos santiagueses de Ophiusa en Xuño do 2008 e estabamos alí menos de vinte persoas.

Tivo Begoña o xesto de agradecer iniciativas como este Fórum Folk, plataformas que fan moita falta a grupos que están comezando a súa andaina, pero o que tamén fai falta é que a xente apoie máis a tódolos músicos, e non ir a ver só aos grupos consagrados, xa que se tanto queremos ó noso, temos que darlle unha oportunidade a todo.

En liñas xerais, este ano no Fórum Folk, dos concertos que puiden ver, que foron todos excepto o de Contra2 e Tiruleque, aínda que algún tiveron bastante xente, penso que poido dicir que en ningún caso de chegaron a vender todas as entradas, sendo o aforo do Fórum de 300 persoas, e mira que tivemos a grandes artistas. Por exemplo, Bellón&Maceiras Quinteto presentaron en exclusiva o seu disco en A Coruña, ao igual que Tonecho Castrelos e Pablo Esqueira a súa proposta musical. O que si que ten éxito son as actividades gratuitas, ¿de verdade que son tanto 5€ (3€ no caso de desempregados, xubilados, persoas pertencentes a asociacións coruñesas, xente co Carné Xove...) por manter a nosa música? Eu penso que non.

19 oct 2010

Gran concerto dentro do ciclo Fórum Folk 2010

Onte luns, Tonecho Castrelos e PabloEsqueira presentaron a súa proposta no Fórum Metropolitano de A Coruña.

Antonio Prado | Nun recinto transformado nun fermoso salón-café polo comezo hoxe do Festival Galego de Cabaret, arredor de cento e medio de persoas estabas agardando esta nova estrea dentro da música folk galega. Non era a primeira estrea dentro do ciclo, xa que outros grupos como Lizgairo ou Con Canto Donaire escolleron este emplazamento para comezar a súa nova andaina.

Pasaban uns minutos das nove da noite cando Tonecho e Pablo subían ao escenario para amosarnos o seu traballo. O primeiro co violín e o segundo co acordeón que utilizou durante todo o concerto comezaron a tocar tanto melodías tradicionais como composicións propias dos dous. Con un toque moi folk na segunda peza xa tiñan ao público dando palmas, algo que non é nada doado de conseguir. Ó pouco tempo Tonecho mudou de instrumento para pasar a tocar o bouzouki, pero non parou de sorprendernos, xa que nun ambiente moi agradable, xa que podían montar un grupo humorístico perfectamente, recordou a La Bottine Souriante, tendo un pandeiro nos pes e facendo ritmos á vez que tocaba o violín ou bouzouki.
Algúns temas lembraban tamén a grupos irlandeses, facendo que muiñeiras tradicionais galegas soasen coma jigas, e lembrando a coñecida Irish Jig de Gwendal comezando co birimbao.
Pasada a metade do concerto chegou a hora das colaboracións. A primeira foi o ferrolán PabloVergara, según dín o mellor bodhranista que temos en Galicia, que nos deixou abraiados a todos coa facilidade que ten para sacar ritmos. Logo chegaron as cantareiras de Queiroa de Sada, que co seu bó facer deixaron ao público entregado.

Sen máis, recomendarvos enormemente esta formación que non deixou indiferente a ninguén, a ver se teñen sorte que a merecen e tamén que asistades ao concerto de Riobó no vindeiro Fórum Folk, xa vos iremos avisando.




12 sept 2010

Carlos Núñez, OSG, The Chieftains e alumnos do conservatorio de Vigo en Santiago


A noite máxica da música galega no Xacobeo 2010

Antonio Prado | Chegou a noite do concerto máis agardado por moitos dentro da programación do Xacobeo 2010. Compartían escenario con Carlos Núñez a Orquesta Sinfónica de Galicia, unha das grandes formacións orquestáis do mundo; The Chieftains, os irlandeses que subiron a Carlos ao máis alto da música e tamén a nova fornada de gaiteiros galegos que chegaron do Conservatorio de Vigo.

Ás seis da tarde xa non era doado atopar bos sitios onde desfrutar o concerto, e o que se pensaba é que eran miróns, turistas que paseaban por Santiago e quedaban a ver as probas, pero non, a xente realmente estivo alí dende horas e horas antes. Por seguridade, e tamén para axudar na emisión que realizou dúas horas despóis a TVG, o Obradoiro encheuse de cadeiras, pero tenda en conta a grande magnitude do escenario, probablemente o máis grande que vin nunca nun recinto coma ese, só debía haber arredor de 2.000. Ademáis dos que estabamos sentados, debía haber na praza pouco máis de 3 ou 4 mil personas en pé, pero era obvio que semellante espectáculo ía a ser seguido en directo por moitísimas máis persoas.

Sube Carlos ao escenario e por culpa dunha parella, prodúcense gritos de "¡Fuera, fuera!" dende a metade do pasillo central, e cara a parte do Pazo de Raxoi. Esta parella non quería sentarse, e estaba no medio do pasillo impedindo a visión dos que estaban por detrás. A pregunta era clara, por qué quitaron a toda a xente de alí e as forzas de seguridade deixaron a este par de persoas que o único que fixeron foi reventar o comezo do concerto, xa que a cara de Carlos Núñez ao escoitar este griterío foi todo un poema, non sabía se rir ou chorar.

Comeza o concerto, todo un espectáculo de producción que comeza con "Non te namores meniña", e vai encandilando ao público. Diríxese a tocar a Muiñeira de Sarasate e cada vez sinte máis gritos e alí foi cando fixo o que non debía facer, xa que pensou que eran gritos con mensaxe político, e dixo o que podedes ver no vídeo que está xusto debaixo. Disculpouse no seguinte tema, xa que lle pasaron unha nota de que era problema de aforo, non de política. Sen dúbida un erro de organización, que ben debía telo avisado de que se estaban a producir problemas de aforo.


Seguia a noite con berros á organización, de protesta para entrar... E chegou o momento dos espectaculares Chieftains, que fixeron que a xente se olvidase durante momentos de todo o caos organizativo. Os mellores momentos chegaron cando os alumnos do Conservatorio de Vigo se subían ao escenario, xa que transmitían unha forza brutal á xente acompañando a todos estes artistas. Tamén destacar os enormes problemas de son, xa que estaba baixísimo, subindoo só cando se dirixía aos que estaban fóra, cousa que tampouco entendín moi ben, xa que un concerto coma ese con algo máis de volumen gaña moito. Tamén se escoitaba a Carlos por momentos totalmente por baixo, a verdade unha mágoa para este concerto.

En definitiva, un caos organizativo que ben se podía evitar facendo o concerto nun espacio mellor adaptado coma podería ser o Monte do Gozo, por qué non? Tomarán nota para a seguinte ou polo menos agardámolo. Agora só quero sinalar o que para min foi a nota negativa do concerto, e non é outra cousa senón a intervención da parella de baile "galega", unha mostra activa de que aínda quedan petiscos de hai moitos anos sementados na nosa cultura. De esto, que tome nota Carlos.

22 ago 2010

Guísamo Folk 2010



Nunca asistira eu ao festival folk de Guísamo, porque realmente nunca me chamaron moito os concertos, e sí, o de que ata hai uns anos non tivese este vicio insostenible de estar todos os sábados case sen excepción nalgún concerto tamén axudou.
Con Birimbao, Lúnasa e Tejedor, estaba claro que de este ano non pasaba que me achegase por
alí, pero non puido ser toda a tarde, cando se desenrrolan diversos obradoiros e xogos, xa que actuamos Donaire en Baldaio e rematamos preto das dez. Chegamos a este torreiro instalado no Campo da Feira de Guísamo cando estaba comezando Lúnasa, que co seu virtuosismo fixo que todos os que ficabamos alí nos désemos conta do grandísimo grupo que son, pero par amin e para moitos dos que estabamos alí, tiveron o gran problema que adoitan ter os grupos coma eles, que as súas pezas son para nós moi semellantes, e en certo punto da actuación xa chegan a aburrir. O mellor foron os Ieja, Yuju e demáis parrafadas dos compoñentes, ademáis das presentacións, que animaron ao público de cara ao gran concerto de Tejedor.
Hei de dicir que Tejedor é un dos meus grupos predilectos, ata o punto de que se me preguntades cal foi o mellor concerto da miña vida direi que foi o deles na Festa da Carballeira de Zas 2009. Agora se me preguntades o segundo xa non sei se será o de Guísamo, copan o podio!
Tejedor que chegaron a Guísamo con nova vocalista, Silvia Quesada, compoñente de outros grupos como Gatos del Fornu. Aclarounos Jose Manuel Tejedor logo do concerto que Eva se atopaba con algúns problemiñas de garganta pero a verdade é que Silvia deixounos impresionados a todos coa súa fermosa voz.
Extrañoume de este festival o pouco público que había, xa que estabamos diante de todo con total tranquilidade e ata estivemos bailando coas xotas e muiñeiras dos Tejedor. Non hai moito que dicir, un concerto único, e como ben sendo habitual, o solo de José Manuel Tejedor no bis tocando o Floreu de Remis deixou ao público boquiaberto, pechando a súa intervención con outro dos temas máis coñecidos da banda asturiana, o Seique non.
Tamén chegaron grandes momentos ao finalizar os concertos, tendo a ocasión de falar e sacar fotos con todos os Tejedor, xesto que hai que agradecer. Aproveito e mándolle un saúdo a Alberto Ablanedo, o bouzoukista de Tejedor, que ademáis tivo o xesto de levar ao polo Walter para que todos sacásemos fotos con el.

Antonio Prado - Folk in Trío

9 ago 2010

Festa da Carballeira de Zas 2010

Un ano máis, a carballeira de Velar encheuse de xente con ganas de desfrutar da mellor música folk do mundo.
A xornada comezaba coas actuacións dos anfitrións da A.C. Castro Meda de Zas, quen darían paso ao grupo de baile Donaire de A Coruña, para rematar coa banda de gaitas Maruxía. Xa nesas horas se preveía o gran ambiente que ía a acompañar ao festival durante a longa noite que quedaba.

Comezaron os lugueses de Clan Maragato e co seu bó facer deixaron ao público moi entregado. Non é doado ser o primeiro grupo en tocar pero eles conseguiron facer que sí o fose, a
transmitirlle ó público unha enerxía especial en vistas ao concerto de Quempallou, dos
que se agardaba o gran concerto que nos ofreceron. Con temas dos seus tres discos pero tamén con novidades das que esoictaredes máis o venres no programa, fixeron vibrar aos máis de 9.000 asistentes que enchían a carballeira. Só eles saben como facer que a xente cante toda unida. Un dos grandes momentos da súa actuación foi nun dos bises, cantando o coñecido tema "Que chova".
Non había un momento para descansar, sendo o seguinte artista en actuar Kepa Junkera, quen deixou boquiaberto a máis de un coas súas interpretacións.
Espectacular concerto do meirande "trikitixari" que hai no mundo, acompañado dunha banda que se quedou co público, especialmente con outros dos instrumentos máis tradicionais do País Vasco como é a txalaparta. Colaborou con el un dos grandes gaiteiros galegos como é Xosé Manuel Budiño, vivindo o posible mellor momento de toda a noite tocando Bok Espok, nun vídeo que podedes ver no Facebook da Festa da Carballeira. Budiño que acompañou un gran rato do concerto, e que para rematar tocou o himno no Antergo Reino antes de tocar os temas que servían para finalizar o concerto.
Iba avanzando a noite pero aínda quedaban grupos para rato, e os seguintes serían os bretóns de Gwendal, dos que a xente agardaba un concerto tirando a tranquilo pero que foron a grande sorpresa da festa, xa que todos os seus temas foron moi movidos, o que fixo que a carballeira se puxese a brincar durante a hora e media de actuación.
Ahí vai un vídeo da actuación dos mesmos:


Remataron a festa os coruñeses da Banda Potemkin, que coa súa mezcla de estilos fixeron as delicias dos que aínda quedaban con folgos, con un non parar, e porque case os tiveron que botar, que senón tiñamos música para rato.

Parabéns un ano máis á organización da Festa da Carballeira de Zas, e dende Folk in Trío, grazas por confiar en nós, sendo un dos medios acreditados.

Antonio Prado | Folk in Trío

12 jul 2010

Xa pasou Ortigueira... (II)

Para estar ben durante todo o día non hai como darse un baño en Morouzos ás 9 da mañá recén erguido (gran consello Rober). Ben cedo baixamos na xornada do sábado para a vila e non paramos un minuto. Unha das mellores formas de coñecer aos grupos é ir ás probas de son, e así fixemos con
Rare Folk, Gaelic Storm e Shooglenifty. Especial mención para os Gaelic Storm, cos que quedamos abraiados xa nas propias probas, coa frescura de Jessie Burns e Ryan Lacey, quenes non pararon de tocar na duración das probas. Houbo tempo no medio de ver o concerto didáctico dos irmáns Molard no patio do Concello, onde tamén estaba instalada a exposición de imaxes do festival, con preciosas imaxes dos concertos e ambiente nas rúas, pero tamén coa cara que non queremos ver de Morouzos, non sei se tanto lle compensa ao festival publicar esas fotos, aceptando e promocionando ao que vai a xente.
Xa antes de comer había un gran ambiente no Caracas, motivado en parte a que Luis Caruncho e Benito co seu obradoiro o terceiro día fixeron un traballo de campo dos que lles gustan, ir de tasca en tasca tocando e cantando, uníndose festeiros de multitude de lugares co mesmo fin, pasalo ben. Logo de comer fomos a ver Lume Na Palleira,
ese gran programa da Radio Galega que cada ano emite dende Ortigueira. Anxo Lorenzo, Marful, Leilía, Qui Hi Ha? (con directo na Palleira incluido) e Budiño pasaron por alí. Dicir que tivemos a sorte de levar dúas camisolas do festival por acertar o nome dos novos traballos de Budiño e Qui Hi Ha?, e que Emilio tivo outro gran agasallo para Folk in Trío, xa que anunciou o programa para toda a súa audiencia. Bonita conversa co propio Emilio e os Qui hi ha? ao rematar o
programa, e logo rapidamente a ver a actuacións dos irmáns Molard da praza do Concello. Rapidamente a Morouzos a coller roupa de abrigo e volta á Alameda, onde estaban tocando os
Chirlo Mirlo, unha formación que se estreou en Ortigueira con xente da Banda de Gaitas e Ortigueira e que deixou que os bailadores desfrutasen, e deixando o pavillón ben alto para o gran concerto das Leilía que comezou cunha das cancións estrela no seu repertorio, "O meu amor". Seguiu a noite o terceiro grupo galego consecutivo, Anxo Lorenzo Band, que executou unha grande velada, demostrando todo o que saben facer os seus grande músicos. Como apunte vou facer un presentimento, o ano que ven, Riobó en Ortigueira, non sei que me da...
Rematou Anxo e veu o que para min foi o mellor concerto do festival, Gaelic Storm.
Con boa música e humor, chegaron a todos os que estabamos alí cunha formula que non soe fallar,
Seguía Shooglenifty, un grupo do que agardaba moito pero do que non desfrutei tanto como o fixen con Anxo Lorenzo, Leilía ou Gaelic Storm. Moita caña que fixo que os que estaban pola zona dianteira do escenario non parasen de saltar, ao igual que fixeron os andaluces de Rare Folk, que pecharon esta xornada de sábado.
O domingo tocou o peor do festival... Recoller a tenda e baixar cada a vila cargados de novo. No desfile das bandas de gaitas houbo que aturar moitas marcianadas, pero as bandas galegas de Ladrido, Malante de Malpica, os Viqueiras, a Johnstone pipe band escocesa e a Bagad Karreg An Tan da Bretaña fixeron vibrar aos que estabamos no desfile. Moi bonito o momento no que todas as bandas reunidas se puxeron a tocar uns cos outros, destacando a Karred An Tan coa Johnstone.


Comida e volta para A Coruña sen ver o Runas, que gañaron os galegos The Crass e que Roberto Aller nos comentará como vivíu.

Antonio Prado.


Xa pasou Ortigueira... (I)

Pero non foi en balde a cita folk por excelencia do verán galego. Sen poder asistir o xoves nin ver o Runas, houbo tempo para desfrutar da programación sen parar un intre, e con constantes "paseos" entre a vila e Morouzos.

Os que acudimos a Ortigueira para desfrutar dos concertos, obradoiros, programas... xa sabemos cal é a parte negativa do asunto e outro ano (e aumentando en número considerablemente)
as carpas con outros estilos de musica dominaron o areal de Morouzos. Persoalmente tiven que escoitar un dos discos de Ska-P durante as poucas horas que estiven na tenda.

Deixando a un lado eso, xa que non se pode facer nada, e falando do que realmente nos interesa, hai que dicir que a programación de este ano foi moi completa e de gran calidade. Por problemas de tempo non chegamos ao Escenario Estrella Galicia ata o concerto de Orion, un grupo belga do
que esperaba moito pero que non adaptou o repertorio ao tipo de concerto que require actuar nun esceario como o Estrella Galicia, con cancións demasiado lentas que fixeron que o público non desfrutase do recital que precedía ao de Cristina Pato e convidados.
Agora é cando podería ser politicamente correcto pero a verdade é que prefiro dicir o que sentín. O comezo exhuberante, ao puro estilo Madonna foi o anticipo do que veriamos. Algúns temas con movemento pero a grande maioría non entendo moi ben que facían nun concerto deste tipo. E que dicir do final... cando un artista remata un concerto antes unhas 15.000 persoas e non se sinte a nin sequera un grupo de persoas pedindo outra e o peor, nin sequera aplaudindo, o mínimo é asumir que algo foi mal, pero non, nese momento saiu Cristina preguntándonos aos que estabamos alí que era o que pediamos. Ante o desconcerto da xente e o anecdótico de que cando dixo "Queredes outra?" moita xente comezou a berrar que non rematou o seu concerto para dar paso a Afterhours, o tributo á Bothy Band que comezou con unha mala nova para min, xa que o gran Michael McGoldrick non asistiu, tendo no seu lugar a John McSherry que tamén é un luxo poder velo polas nosas terras. Eles fixeron un gran concerto pero con relativa calma, facendo notar que era un puro trámite, xa que non hai lugar que se lles resista. Pode que se preparasen con algo de tempo o concerto fixesen vibrar ao público pero aínda con
todas foron do mellor do festival. Remataron esa noite de sábado os compañeiros de Qui hi Ha?, que pola tarde nos contaron el directo no programa como ían os preparativos e que teñen un mérito impresionante, xa que Ortigueira estaba ateigada de cartaces anunciando o seu novo disco, un feixe de limón (referentes ao Acid Folk) recorreron a vila e conseguiron no concerto o que pretendían, ser un gran reclamo e ser verdadeiramente os únicos que non deixaron que o público descansase nin un só minuto. O seu estilo non deixou indiferente a ningún dos presentes e pese a rematar o seu concerto sobre as cinco da mañá, alí brincabamos todos os espectadores.

Antonio Prado