7 ago 2011

Un ano máis, a Festa da Carballeira consegue un gran éxito

O sábado o mundo folkie que ía a partir ou que xa estaba en Zas non facía outra cousa que mirar ao ceo. Era a gran preocupación de todos, posto que a festa estaba garantida, os grupos preparados e a carballeira un ano máis chea dun ambiente excepcional.

Antonio Prado | Por sorte arredor das cinco da tarde caeron as últimas gotas que precediron a unha festa como cada ano o primeiro sábado de agosto. A media tarde xa se podía desfrutar no escenario de abaixo da mostra folclórica na que coma sempre participaron os anfitrións, a A.C. Castro-Meda de Zas, xunto co grupo folclórico de Palacio de Rei (Lugo) e unha banda de gaitas que chegara de pretiño, Inllar de Ponteceso. Moita xente desfrutando desta sesión de música e baile tradicional, mentres uns raios de sol animaban a desfrutar do que dende Castro-Meda levaban preparando durante meses.

Dende As Pontes chegaron os Muxarega, un grupo xa veterano posto que leva quince anos sobre os escenarios, pero que cos compoñentes actuais desprende xuventude. Foron os encargados de poñer a brincar á xente que iba chegando á Carballeira de Velar, que foi moita á primeira hora da noite por un motivo, que moitos non se atreveron a acampar e entón xa foron directos para alí. Presentaron os temas do seu traballo discográfico "8 soños" pero tamén outros temas cos que o público comezou a cantar.

Foi logo o turno dun grupo que recomendáchedes vós hai uns meses cando o preguntamos e que dende a organización fixeron caso das opinións. Os ourensáns Coanhadeira foron unha das grandes estrelas da noite, poñendo ó publico en pé no seu concerto no que contaron ata co clube de fans que levou unha pancarta que dicía "Na Carballeira con Coanhadeira". Temas dos seus dous traballos discográficos "Haique" e "Po" pero tamén presentando novas cancións que deleitaron ás 7.000 persoas que enchían o recinto.

Persoalmente podo dicirvos un comentario que escoitei alí, xa que houbo xente que dixo que o grupo lle recordaba moito a Berrogüetto, algo que dende logo é todo un piropo que recibe ben calquera. Co tema "Tres Bágoas" non deixaron pasar a oportunidade de agradadecer o camiño a toda a xente que viu antes de nós, á organización e tamén ós asistentes.

O prato forte da noite chegou dende Euskadi coa actuación de Korrotzi. Con Agus Barandiana ao fronte coa tradicional trikitixa e a voz fixeron tremer a terra de Zas, xa que a xente non paraba de moverse aos seus ritmos. Animou moitísimo a actuación o acompañamento do grupo Oinkori Danza Talea, que presentaban "Infernuco Hauspoa", que amosa un espectáculo visual vendo as danzas ó mesmo tempo que escoitas a música e que foi o que fixeron o pasado ano para gravar un DVD co mesmo nome no que colaborou a ETB.

Quizáis decepcionou algo a actuación dos consagrados For men and a dog polos problemas técnicos que tiveron, aínda que o seu bo facer deixou aos asistentes dando palmas e desfrutando do grupo extranxeiro desta xa vixesimoséptima edición da "Festa da Carballeira", unha cita máis que consagrada e que ano a ano non fai máis que aumentar as boas críticas, convertíndose nun exemplo para moitos outros festival de similar formato.

A noite rematou oficialmente como estes anteriores anos, un grupo galego non tan achegado á música folk pero que o que fai é unha festa contínua, e ao igual que O Sonoro Maxín e a Banda Potemkin os anteriores anos, os Festicultores chegaron cargados de enerxia, algo que para moitos escaseaba ás catro da mañá pero que eles mesmos recargaron co seu humor.

Coma sempre, fóronse montando grupiños de amigos, de xente que se xuntaba con outra xente e ata que era día en Velar estiveron desfrutando dos últimos momentos desta edición dunha das grandes festas que temos en Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario