4 ago. 2012

A música comeza a rodar nas rúas de Lorient


Un showcase de Craobh Rua no Dôme foi o encargado de abrir o festival, seguido pola velada Folk Rock no Espace Marine.

Chegou o comezo do Festival Interceltique de Lorient o venres 3 pola tarde. O Dôme é unha cúpula colocada entre o Grand Thèatre e a parte do festival onde as carpas se xuntan cos bares e pubs, postos de comida... e nel, deu comezo o festival co showcase de Craobh Rua. Un pouco despois do horario previsto, saíron os catro músicos a amosar unha parte do seu repertorio, facendo as delicias á xente alí congregada, e que ata se animou a bailar ó seu son. Moita presenza da música vocal neste grupo, falando francés e bromeando co público.

A noite chegou con dous concertos, o primeiro no Quai de la Bretagne, e ademáis de PB3 e Titom, os que mellor chegaron ós asistentes, que non pararon de brincar, foron os locais Mnms, cos que as rodas bailando bretóns inundaron este espazo, ó igual que se inundou a vila nunha monumental tromba de agua que fixo que moita xente abandoase o centro, pero foron moitos os que alí continuaron dando comezo a estes días de troula.

No Espace Marine, a gran carpa de concertos desta celebración, festexou a noite Folk Rock, que abriu Krismenn, un francés que co seu beatbox, as súas nocións de DJ e un contrabaixo comezou a quecer o ambiente, para que cando o acadienne Joseph Edgar, primeiro cuns temas en solitario, e de seguido coa súa fantástica banda, xa comezase a meter adrenalina nos corpos dos alí congregados. A gran estrela da noite era, sen lugar a dúbidas, Buffy Sainte Marie, que coa súa desgarradora voz fixo que toda a xente que acudiu a vela marchase coa impresión que quería, a verdade é que, a pesar de ser unha artista pouco coñecida para o público xeral, podería arrasar na lista de vendas de moitos países.

Como é habitual neste tipo de eventos, a música estaba en cada esquina, cada pub, moitos escenarios na rúa, as carpas dos distintos países celtas, espazos con concertos onte, por exemplo na carpa galega, os Vaamonde, Lamas & Romero, a pesar da súa inigualable retranca galega, fixeron unha conexión co público bretón excelente, un público que, sexa dito, desfruta coma poucos da nosa gastronomía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario