15 nov 2010

Riobó deixa o pavillón ben alto para o vindeiro Fórum Folk


Remataron os concertos do Fórum Folk 2010 cun concerto maxistral.

Antonio Prado | Aínda que o 20 de Decembro vai a haber un concerto participativo de Cantos de Nadal, o Fórum Folk tivo o pracer de recibir ao grupo Riobó para pechar este ano de música folk.
A formación con orixe en Vigo chegou á Coruña para dar a coñecer os prolegómenos do que será o seu primeiro disco, que sairá ao mercado nos vindeiros meses. Fon un novo folk galego, fixeron que o público que acudiu a esta citase enganchase ao fio do concerto dende o seu comezo.

Unha das grandes características desta formación é a interpretación de temas tradicionais e de autor galegos, xa que eu pensaba que tamén ían tirar por pezas de fóra, pero abogan por manter e difundir o noso. Se ben o comezo foi algo deslucido polos problemas de son coa guitarra de Fernando Barroso, en canto estes problemas se arranxaron o grupo puido amosar o encanto do seu directo.

Estes cinco recoñecidos músicos, fixeron que pezas de Ricardo Portela ou dos Trinta de Trives soasen actuais, e tamén que tivesen un toque a un folk que temos acostumado a escoitar de grupos irlandeses. Falando dos Trinta de Trives, cunha peza dos mesmos, o seu fermoso Pasodoble dos Trinta producía un dos grandes momentos da noite, xa que con Begoña Riobó e Xosé Liz sós no escenario deste Fórum Metropolitano, en dous minutiños que dura o tema demostraron todo o seu bo facer. Hai que dicir que as pezas teñen grandes arranxos dos músicos do propio grupo, e que tamén eles son autores dalgunha das pezas.
  • Pouco público no Fórum Folk
Non me entra na cabeza que nesta cidade a xente se queixe ás veces de que temos pouca programación folk (algo que nos últimos anos tampouco é para nada certo) e que logo, coa oportunidade de ver a xente como Begoña Riobó, Xosé Liz, Fernando Barroso, Marcos Campos e Fernando Pérez e a asistencia sexa tan pouco numerosa. Non temos a excusa do tempo, xa que me lembro tamén dun concerto dos santiagueses de Ophiusa en Xuño do 2008 e estabamos alí menos de vinte persoas.

Tivo Begoña o xesto de agradecer iniciativas como este Fórum Folk, plataformas que fan moita falta a grupos que están comezando a súa andaina, pero o que tamén fai falta é que a xente apoie máis a tódolos músicos, e non ir a ver só aos grupos consagrados, xa que se tanto queremos ó noso, temos que darlle unha oportunidade a todo.

En liñas xerais, este ano no Fórum Folk, dos concertos que puiden ver, que foron todos excepto o de Contra2 e Tiruleque, aínda que algún tiveron bastante xente, penso que poido dicir que en ningún caso de chegaron a vender todas as entradas, sendo o aforo do Fórum de 300 persoas, e mira que tivemos a grandes artistas. Por exemplo, Bellón&Maceiras Quinteto presentaron en exclusiva o seu disco en A Coruña, ao igual que Tonecho Castrelos e Pablo Esqueira a súa proposta musical. O que si que ten éxito son as actividades gratuitas, ¿de verdade que son tanto 5€ (3€ no caso de desempregados, xubilados, persoas pertencentes a asociacións coruñesas, xente co Carné Xove...) por manter a nosa música? Eu penso que non.

No hay comentarios:

Publicar un comentario