Mostrando entradas con la etiqueta Discos presentados. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Discos presentados. Mostrar todas las entradas

20 abr 2012

Noitarega - "XXI" (2010)

Noitarega
XXI - Muu! Estudios
2010



A música tradicional vístese con roupas de gala para recibir o novo traballo dos Noitarega.

Tras máis de vinte anos traballando na música galega chega o seu terceiro disco, máis de unha hora de música tradicional e de autor que se reparte en vinte temas de autores como Henrique Otero, Pascual Veiga, Carlos Justo, Luis Correa, "O Caruncho", Juanjo Fernández, Nazario González "Moxenas" e como non, temas tradicionais.

Todo unha mostra de que a tradición segue viva, e de que con ela tamén se pode innovar, atopándonos con gaitas e diferentes tonalidades, ao igual que pitos. Aparacen requintas, zanfonas, cunchas, ferriños, culleres... que nos levan deleitan coa maestría de Xosé Oliveira, Telmo Costas e Fernando Costas, que son os encargados dos instrumentos melódicos destes cinco rapaces maiores que teñen o complemento perfecto para que desas melodías saian autenticas pezas que teñen e van a ter seguro un oco especial na memoria de tódolos amantes da música tradicional. Chámanse Xosé María Gutiérrez e Manuel Alonso e son os encargados de tocar a percusión (bombo e tambor respectivamente) dun xeito maxistral, igual aquí nótase que o meu é a percusión pero realmente a combinación destes cinco músicos é para quedarse coa boca aberta.

<iframe width="640" height="360" src="http://www.youtube.com/embed/qT9etkyTw7Y" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>

Na Fonte da Falperra, con Anxo Pintos, toma unha nova forma, unha nova melodía que nos fai nova esta coñecida peza. Alberto Costas toma o relevo da percusión en "No furancho da Marcelina", o furancho de Matamá, de onde sairon os irmáns Telmo e Alberto. Sorprende tamén "Valseadiño/Candeliña", con Xaime Estévez ao piano e acordeón. Ao acordeón tamén está Coral Lago nun par de temas, Silvia Costas canta en "De Brincadeira" e coas pandereteiras Grialia cantando a Xota de Ordes rematan as colaboracións neste disco.

Antonio Prado | Folk in Trío

14 abr 2012

Quempallou - Vellas Novas (2012)

Houbo que agardar cinco anos para que os Quempallou baixasen da súa viaxe "Polo aire" na que facían un disco no que a radio tiña un protagonismo moi especial para que nos contasen estas "Vellas Novas" que veñen de sacar ao mercado.

Foron moitas as cousas que cambiaron para este grupo, e comezando pola súa formación, xa que dende ese anterior traballo houbo dúas baixas, as de Xulio Abal (arpa) e Xulio Coira (gaita e clarinete), que a pesar de que fixeron que non se notasen en gran medida, o certo é que se botan en falta sobretodo eses momentos nos que Guillerme e Xulio facían as delicias dos seus seguidores coa gaita e requinta o primeiro e a gaita e o clarinete do segundo.


Comeza con moita forza o disco, cun par de pezas cantadas que estiveron dispoñibles dende unhas semanas antes na súa web e que mesturando a tradición e a orixinalidade animan a bailar, un requisito indispensable para os concertos de Quempallou. Hai tempo para os agarrados, para botar unha xota ou unha muiñeira, pero tamén para durmir... ou para quedar durmido! Pero non é nada malo non, é que inclúen por primeira vez un arrolo entre as pezas dos seus discos.

A portada a modo de xornal, un formato que se mantén no libreto, o xornal que ten un sumario onde xa ollas todo o que vas a atopar e onde nas fotos vemos de novo o grande respeto pola nosa tradición que teñen. Aparece Farruco de Murias, tamén o finado José Rama, Ramona da Estrela... responsables dalgunha das pezas do disco.

Chama moito a atención o "Viva a parodia", que con música e letra tradicional (de Beluso, Bueu), os Quempallou aderezan convertíndoa nunha das máis rítmicas que hai. Algo que tamén se pode botar de menos é o contido social que se atopaba nalgunhas das letras de publicacións anteriores, aínda que como dicíamos, este xornal que serve como libreto esta feito reivindicando a presenza de prensa en galego, o cal tamén se agradece nestes tempos tan duros! Outra peza que chama a atención é a que pecha o disco, xa que se no anterior foron os Dios ke te Crew, agora é Leo i Arremecaghona o que pon un toque distinto, unha esencia punk cunha letra que si que nos deixa claro o mundo onde vivimos.

Quédome cunha frase que me chamou especialmente a atención... "Practicar muiñeira unha vez ao día recude o acido folclórico", xa sabedes!

Antonio Prado | Folk in Trío

11 ago 2010

Coanhadeira - "Po"

Coanhadeira
Po - Folka Records
2009


Din que as “coanhadeiras” eran nalgunhas zonas, as personas (ou a mesma basoira empregada) para separar e recoller os restos que quedaban na aira nas “mallas”.
Pero fai xa unhas semaniñas poidemos comprobar en Folk in Trío como é esta Coanhadeira tan especial de Ourense, xa que tivemos a sorte de contar no noso programa con Markinhos Saburido, percusionista do grupo.

Xunto a el, coñecimos este traballo discográfico, que foi grabado tras gañar un concurso de música folk en Santander o pasado mes de Maio, so uns meses despois de ter rematada a gravación do seu primeiro cd "Haique".

Pero a pesar de ter moi pouquiño tempo para grabar estes dous cd's, os "coanhadeiros" conseguiron un resultado realmente bo, sen perder a fidelidade á base que lles proporciona a música tradicional.


En "Po" incorporan novos instrumentos, os cales, lle dan un novo aire ao grupo, pero mantendo ese estilo coanhadeiro dos seus
inicos.



Bea Mariño - Folk in Trío




4 ago 2010

Tiruleque - Tiruleque (2009)

Tiruleque
Tiruleque - Runa Records
2009


Optou Tiruleque por autoproducir este disco logo de varios anos na procura do seu primeiro lanzamento discográfico. Unha fermosa portada e un libreto que é dos máis completos que puiden ver son un simple anticipo dun disco cheo de tradición e modernidade ao mesmo tempo.

Trece temas que en realidade son nove deixan voar a imaxinación dos seis Tiruleque´s e dos oito colaboradores no traballo con temas tan tradicionales como a Xota de Alvite (Curtis, A Coruña) ou a Muiñeira do Carballeiro, do repertorio do grande cuarteto de Cerceda como son Os Queixas que se unen dun modo que só estes seis saben facer. Os temas proceden tamén de recollidas da A.X. Xacarandaina, Tear de Llerena, Salomé Couso, Carlos Xosé Vidal, Casto Sampedro e unha parte moi especial é a labor de Álex Fente, compositor de varios dos temas, aínda que non é o único, pois Miugle Horjales tamén compuxo SanSa2.
Temas como A Señá Lixandra ou o Canto das Mozas semellan unha viaxe no tempo a unha tasca onde todo o mundo canta, toca e baila, un verdadeiro torreiro onde poder bailar co pasodoble Cen, a Sesión Vermú ou algo máis tropical como a rumba de Buscás.

En definitiva, un traballo que consolida a un grupo que levaba xa máis de sete anos pisando os escenarios de toda Galicia.

Antonio Prado.