21 nov 2010

O folk de hoxe, clásicos e modernos en plena forma

Antonio Prado . A música tradicional galega vive hoxe un momento moi interesante. Os grupos veteranos, en moitas ocasións con máis de 20 anos de existencia, están frescos. Os máis novos saben gardar a esencia sen renunciar a ningún experimento que os achegue aos gustos do século XXI.


Non é doado analizar a situación da música folk galega na actualidade pero, para comezar esta serie de colaboracións con A Nosa Terra, penso que o mellor é que poidades coñecer cal é o meu punto de vista no asunto.

Temos a sorte de estar a vivir un renacer da música galega, e xa non pola forma senón polo fondo. Se ben é certo que cada día pode ser máis sinxelo publicar un disco, estamos logrando para a música tradicional un respecto absolutamente necesario para apoiar unha das formas de cultura máis desprestixiadas no noso país. Isto tamén daría para falar noutro intre porque o tema pode ser longo.

Pouco e pouco, tanto co empeño persoal como a partir de axudas de distintas institucións, o número de espazos onde poder amosar o que fas é maior. Isto podémolo comprobar sobre todo no verán se collemos unha axenda de concertos e analizamos que a gran maioría de localidades teñen un festival folk, non coa mesma dimensión que ten o festival do Mundo Celta de Ortigueira –que tanto está a perder en calidade de asistentes– pero si cunha plataforma de apoio á nosa música de raiz.

É certo que as institucións poden chegar a patrocinar festivais pero tamén fan por desprestixiar a nosa música como a que máis, xa que debemos recordar que formacións como a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense non teñen nada que ver co noso e se están aí é polas públicas.


A saúde dos grupos

A calidade dos grupos cada vez é maior, e mentres Berrogüetto segue facendo un folk sensíbel que o converte no mellor grupo de música folk galega e que por certo ven de gravar o seu primeiro DVD o pasado sábado no Auditorio de Galicia de Compostela, Luar na Lubre está a explotar a súa fórmula de seguir cos clásicos, cun público que non lle falla e sacando novos discos case que cada ano. Agora tamén toca falar de Fía na Roca, outro dos grupos con máis traxectoria de Galicia, que dará por rematado o seu ciclo no mes de Xaneiro, no que se despedirán no ‘Celtic Connections’ de Glasgow após máis de vinte anos dándolle outro enfoque ao folk galego.

Por suposto, non podemos lembrar os grupos veteranos que fixeron posíbel todo isto sen falar de Milladoiro, que tamén seguen a actuar cunha forza que fai dubidar que leven máis de 30 anos nos escenarios. O pasado ano voltaron Fuxan os Ventos cunha nova proposta arrasou alá por onde foi.

Falando do tradicional, non podemos esquecer o renacer de Noitarega coa publicación do seu traballo “XXI” e tamén de grandes formacións como Os Terribles de Donas que non fan máis que acadar prestixio para o noso.

Unha nova corrente de grupos está a consolidarse, e está pisando con forza, tamén no estranxeiro. Grupos creados por xente nova, como é o caso de Bellón & Maceiras Quinteto, transmítenlle un novo aire a esta música, incorporando novas formacións e instrumentos que fusionan jazz, swing, tango, blues... e todo cun toque galego. Tamén están a dignificar a tradición grupos cun estilo de murga tradicional cun chisco contemporáneo, caso de Linho do Cuco, ou descubrindo até onde pode chegar o folk, con propostas como Marful.


Vía [A Nosa Terra]

No hay comentarios:

Publicar un comentario