21 ago 2011

A nova etapa de Os Cempés comeza con toda a forza posible dende Fisterra


O verán do ano 2007 trouxo a nova da despedida dos escenarios dun dos grandes grupos galegos como son Os Cempés. O 22 de Decembro dese mesmo ano o último concerto enchía Ferrol de xente con moitas ganas de ver a eses referentes para todos xa que todo o que se dicía era bastante turbio sobre a súa volta e quen sabe, se cadra era a derradeira oportunidade de velos en acción.

Houbo dende aquela un par de xuntanzas como o ano pasado en O Grove ou no Lugnasad de Bretoña, entre amigos, rememorando os temas máis coñecidos do grupo, pero este ano as tornas mudaron e Os Cempés volven para quedarse.

A primeira cita foi onte en Fisterra, na Festa Folk na fin do Camiño, unha cita que dende hai xa trece anos se ven celebrando na localidade de Anchoa e que este ano tivo unha repercusión especial por esta volta. Entre boa comida (como todo o traballo, feito pola Asociación Anchoa, parabéns!), comezaron a tocar uns festexeiros como son A Requinta da Laxeira, que hai que dicir que aínda aguantaron bastante tempo no escenario, porque xa sabemos que onde se manexan ben é nas distancias cortas, e así fixeron, armando unha boa festa no torreiro, quedando quente para que arredor das once e media comezasen a escoitarse berros de Opaii entre o público.

Serxio Cés, Óscar Fernández e Antón Varela son os veteranos nesta formación na que debutan Fernando Barroso (Assembly Point, Riobó, Coanhadeira...), Ramón Dopico (Berros do Castro) e Pablo Dalama (Mamá Cabra, Davide Salvado, A Banda das Crechas...), seis músicos que compoñen a nova etapa de música e diversión, unha fórmula xa coñecida para todos os amantes de Os Cempés. Cando o Pasodoble romántico soaba en Fisterra, o torreiro xa estaba cheo de xente bailando, poucos poden dicir eso no segundo tema.


A que nos recordou este concerto? A pesar de que as comparacións son odiosas é certo que houbo diferencias respecto ao grupo de hai catro anos polo simple cambio de instrumentación, pasando a unha percusión máis sinxela no canto da batería, que levaba un gran peso, e achegándose quizáis ao grupo entre os discos Capitán Re e Circo Montecuruto, un toque máis tradicional. Non faltou o humor, as presentacións de Óscar e Serxio, as cancións nas que todo o público coreaba, a Sara Sariña, as discusións de amigos entre os propios Serxio e Óscar, os cambios de pezas... pouco máis hai que dicir, só que agardemos velos moi pronto por moitos dos festivais galegos, ou nalgunha tasca, a excusa da igual cal sexa con tal de poder desfrutar da súa música.

O certo é que a noite foi cara abaixo, xa que The Crass a pesar de ser uns músicos excepcionais ofreceron un espectáculo bastante mediocre, sen recordar en moitas ocasións que enriba dun escenario hai que manter as formas, con continuos reproches ó técnico de son fóra de lugar. A noite rematou co concerto de Mordecans, aloxándose do folk, unha proposta de rumba catalana que non triunfou tampouco entre os asistentes, que agardaban outro estilo de música nun festival dese tipo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario