4 feb 2011

Bellón e Maceiras triunfan na Arxentina

Antonio Prado . Cosquín é unha das citas ineludíbeis no top ten do folk mundial. Daniel Bellón e Diego Maceiras repartiron a súa arte con mestría, poucas semanas despois de lograren o éxito tamén en Moscova.

En Rusia a xente descubriu con moita ledicia o son do instrumento máis galego, xa que atendendo ao nome do seu primeiro traballo discográfico, Bellón e Maceiras seguen coa súa Unión das terras, xa que alí tocaron cunha recoñecida organista rusa e en Arxentina fixeron o propio con Dulce Pontes e Juan Carlos Cambás.

Medio millón de persoas tiveron o gusto de desfrutar na noite do luns 31 de Xaneiro da música de Daniel Bellón e Diego Maceiras en directo no Festival de Cosquín. Unha cifra enorme pero que queda en nada se a comparamos cos máis de 12 millóns de persoas que non perderon a cita na televisión pública da Arxentina.

O Festival de Cosquín é un dos máis seguidos do mundo no eido do folk e conta con pequenas sucursais, entre elas o Festival de Cosquín en Vilagarcía de Arousa en outubro do pasado ano, co nome de Son de Lúas.

Na intervención da delegación española, Juan Carlos Cambás foi o encargado de presentar o dúo galego, amosándolle á xente que era a primeira vez que unha gaita estaba en Cosquín, e ademais da man do gaiteiro máis laureado de Galicia. Comezaron cunha chacarera para continuar coa Muiñeira de Pontesampaio con sabor á propia danza arxentina.

Foi logo a vez de Dulce Pontes, que comezou cantando o popular “Lela” e outros temas portugueses. Do máis emotivo foi o final, xa que interpretaron a coñecida canción “Sólo le pido a Dios” do compositor argentino León Greco que inspirou na ditadura do seu país, o exilio de Mercedes Sosa e o probábel conflito entre Chile e Arxentina. Ao rematar, o público en pé mentres Cambás recordaba que Pontes está nominada aos Grammy's.

No hay comentarios:

Publicar un comentario