17 dic 2012

CoraSóns, o proxecto da amizade que chega á Coruña

Un proxecto que naceu froito da casualidade, desembarca no Teatro Colón con máis de vinte músicos chegados dende Galicia, Portugal, Brasil e Angola que están a piques de presentar un disco, libro e DVD.

"Quen ve coraçoes", unha páxina web da pedagoga de oficio, aínda que fotógrafa de corazón, Isabel Leal, chamou a atención de Uxía. Alí aparecen fotografías dos corazóns que podemos atopar na nosa vida, naturais ou feitos pola man do ser humano. Tanto lle gustou a Uxía, que lle propuxo á autora, á que xa coñecía de proxectos musicais, facer unha exposición na Casa das Crechas, e inaugurala dun xeito moi especial, cun concerto no que se cantasen temas relacionados coas súas imaxes, os seus CoraSóns.

A partir de aí, a idea foi medrando, e sinalaba Magín Blanco, que logo dun concerto fantástico en Porto, plantexáronse gravalo, o que foi un punto de inflexión xa que para iso había que traballar en torno a composicións máis que versións, para o que entrou máis de cheo. Para gravalo, decantáronse pola Illa de Arousa, e na semana santa, e baixo a dirección de Paco Abelleira, xa se presentou en Cineuropa o documental do proxecto. O disco, libro e DVD, agardan telo listo para a primavera.

Uxía teno claro, CoraSóns é máis que un concerto, é "unha festa de amizade, de encontro, da lusofonía". Indica que é moi fermoso e enriquecedor ver a xente profesional da música con outra que non o é, pero compartindo unha mesma paixón. Isto reafírmao Carlos Blanco, explicando que por exemplo, "cantará unha cardióloga guapísima, o que demosta que é un proxecto multidisciplinario".


O contrabaixista da banda, Pablo Vidal, declara que o pasa en grande formando parte do concerto, polos gusto de tocar con eses músicos pero aínda máis polas voces. Participarán neste concerto do xoves no Teatro Colón, entre outros, Joâo Afonso, Najla Shami, Xoán Curiel, Aline Frazâo, Sergio Tannus... e unha colaboración moi especial, a actriz María Pujalte.

No que están dacordo os catro é que o ambiente é o verdadeiro protagonista, unha conexión entre países, entre culturas, un latexo no corazón de todos os que podemos desfrutar deste proxecto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario