4 feb 2013

Bases para o concurso - selección para o Mac Crimmon 2013

Ola a todos, xa están dispoñibles as bases para o concurso-selección para o certame Mac Crimmon do Festival Interceltique de Lorient 2013.

Podedes descargalas clicando aquí:
- Bases
- Folla de inscrición
- Partitura peza asturiana
- Partitura peza bretona

As bases son as seguintes:


1. Poderán participar tódolos gaiteiros nados en Galicia que o desexen, así como aqueles que estando na diáspora teñan ascendencia galega ou acrediten pertencer a algún centro ou entidade galega.
2. O obxecto desta iniciativa é seleccionar ós catro gaiteiros que representarán a Galicia na final do XXVIII Trofeo MacCrimmon de Gaita, que se celebrará o 3 de agosto de 2013 durante o Festival Interceltique de Lorient.
3. Establecerase unha única categoría na que participarán ata un máximo de 15 gaiteiros sen acompañamento de percusión.
4. O Concurso-Selección, celebrarase o vindeiro 21 de Abril ás 17:00 no Auditorio de A Ramallosa, no concello de Teo (A Coruña).
5. O Concurso-Selección non terá dotación económica. Os catro primeiros clasificados serán os encargados de representar a Galicia competindo na final do Trofeo MacCrimmon. Viaxarán gratuitamente á Bretaña coa Delegación Galega do Festival de Lorient e disporán de aloxamento e dietas tamén de xeito gratuito.
6. Para a selección dos concursantes terase en conta o currículum e a gravación de audio dunha peza galega de libre elección e presentada en soporte CD, que os participantes enviarán xunto coa folla de inscrición.
7. No Concurso-Selección cada gaiteiro deberá interpretar obrigatoriamente, unha peza do repertorio asturiano e unha peza do repertorio bretón que se adxuntan coas bases e a folla de inscrición.
8. Cada gaiteiro, ademais das interpretacións obrigadas de temas asturianos e bretóns, terá cinco minutos para interpretar repertorio galego de libre elección. As pezas que compoñan dito repertorio poderanse interpretar por separado ou en suite.
9. O tempo de actuación comezará a contar de xeito continuo co inicio da interpretación. En caso de superar o tempo establecido nas bases, o xurado poderá penalizar o gaiteiro.
10. A interpretación da música galega realizarase en exclusiva coa gaita tradicional de Galicia. Para a interpretación dos repertorios asturiano e bretón permitirase o uso das gaitas tradicionais de Asturias e Bretaña, aínda que tamén se poderá efectuar coa gaita tradicional galega.
11. Os concursantes deberán vestir o traxe tradicional galego completo, que non poderán quitar ata o final do concurso.
12. Os gaiteiros seleccionados terán que presentarse no Auditorio da Ramallosa o domingo 21 de Abril ás 15:30 para firmar a acta de presencia e para a realización do sorteo de orde de actuación.
13. O xurado estará composto por gaiteiros que xa gañaran o Trofeo MacCrimmon, ou que resultaran finalistas do mesmo.
14. O xurado valorará a afinación, o emprego das dixitacións, ornamentacións, recursos interpretativos, dificultade das pezas, etc.
15. O xurado será o encargado de analizar as actuacións dos participantes seguindo o estipulado nas presentes bases e nomeará ós seleccionados para a final do Trofeo MacCrimmon.
16. A inscrición no concurso implica a aceptación das presentes bases. O xurado poderá descalificar a calquera concursante que non cumpra co estipulado nas mesmas.
17. O fallo do xurado será inapelable.

Os gaiteiros que desexen participar deberán remitir a folla de inscrición, debidamente cuberta e acompañada do currículum e o Cd de audio antes do venres 5 de Abril de 2013 a:

DELEGACIÓN GALEGA DO FESTIVAL INTERCÉLTICO DE LORIENT.
APTO DE CORREOS 17.
CACHEIRAS – 15883 TEO (A CORUÑA).

No hay comentarios:

Publicar un comentario