1 feb 2013

Éxito de aCentral Folque en Dublín


60 músicos, 12 deles de aCentral Folque deleitaron a un entregado público

Este pasado sábado a catedral de orixe románica (o edificio máis antigo de Dublín) acolleu a segunda actuación da De Cuellar Suite, un espectáculo duns noventa minutos que mantivo ao público atento e entusiasmado do principio ao final da obra, unha sucesión de 11 movementos con narración, baile e música sobre a odisea do mariñeiro da Armada Invencíbel Francisco de Cuéllar. Había unha semana que se agotaran as 500 localidades á venda dun show que se presentaba coma un dos eventos sorpresa do Temple Bar Trad Fest, un festival de música irlandesa que se celebrou esta semana na capital en diferentes espazos históricos de Dublín e nos pubs máis importantes do centro da cidade. As fotos do concerto, poden verse nesta galería de imaxes .

A expectación estaba contida desde había días en Dublín para ver unha orquestra de case 60 músicos novos de Sligo (Ceol na nÓg Orchestra) e de Santiago (Escola Livre da MPG) para interpretar por segunda vez a De Cuellar Suite, obra composta por Michael Rooney, con músicas inspiradas nas tradicións galegas (cantos, xotas e muiñeiras), escocesas (schottishes e reels) e irlandesas (jigs, reels, polkas, planxtys, waltz, double jigs...) e arranxos orquestrais de instrumentos clásicos. A aportación d'aCentral Folque foi para tocar estas pezas galegas pero tamén para acompañar ao resto do repertorio da Suite cos instrumentos que se imparten na Escola Livre da MPG: gaita, percusións, zanfona, violíns e frautas.

Pero o espectáculo non foi somentes unha sucesión de músicas (sen aplausos entre seccións) senón que contou cun narrador (Jaimie Carswell, afamado actor) que leu extractos da carta do capitán de Cuellar (ao rei Felipe II, ano 1588) e bailaríns irlandeses que danzaron algúns ritmos típicos. Ademais o show contou coa aportación flamenca de cante e guitarra coa que se abriu a Suite, ademais de incorporar dous bailaores que con pericia acompañaron algúns dos temas da orquestra con grande habilidade e respeto.
A impresionante arquitectura da catedral, o son pulcro, reverberante pero nítido da orquestra na catedral de Christchurch, ademais dun axeitado xogo de luces nas columnas e teito deste magnífico espazo, fixeron da estrea en Dublín desta obra, un dos mellores momentos do festival.

Máis info: www.folque.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario