16 jul 2014

A banda coruñesa Tiruleque actuará este xoves no certame Runas do Festival de Ortigueira

O grupo compite na final deste concurso de formacións emerxentes como un dos tres finalistas, escollidos entre máis de trinta propostas musicais
Actuarán a partir das 23.00 horas no Escenario Alameda nun concerto no que amosarán o seu talento e interpretarán diante do público as cancións dos seus discos


O grupo folk coruñés Tiruleque actuará este xoves no XXX Festival de Ortigueira dentro do proxecto Runas, certame para formacións emerxentes e de proxección futura.Tiruleque foi elixido de entre máis das trinta propostas musicais para ser un dos tres finalistas e competir así na final do concurso. A escolla recaeu nunha comisión formada por profesionais de recoñecido prestixio no mundo da música, como son -entre outros- Anxo Pintos, Pepe Vaamonde ou Daniel Bellón que tomaron a decisión atendendo a criterios artísticos, musicais e de calidade. Deste modo, Tiruleque actuará este xoves no Escenario Alameda a partir das 23.00 horas participando así na final do certame.


Tiruleque naceu como proxecto musical en 2002, ano en que un grupo de intérpretes procedentes da música tradicional galega decidiron que as súas inquedanzas artísticas ben podían confluír nunha mesma banda. Eses músicos son actualmente Antón Bueno (contrabaixo), Álex Fente (acordeóns), Luís García(bombo con pratos, percusións, coros), Miguel Horjales (caixa, percusións, coros), Serxo Núñez(clarinete, gaita, percusións, voz), Fernando Román (saxo, clarinete, trompeta) e José A. Vázquez (gaita, saxo, percusións).
Dende as súas orixes, Tiruleque bebe das fontes da tradición musical, mais tamén inclúe na súa sensibilidade artística outras moitas influencias. Dese xeito, queren fuxir de etiquetas que cerquen o seu desenvolvemento creativo e que os poidan confinar nun intento de clasificar o seu estilo musical.
Nas súas actuacións están presentes instrumentos claramente unidos á música tradicional, mais empregados ao xeito propio do grupo e reinterpretando os seus usos. Tiruleque recorre así á súa intuición musical á hora de arranxar sons tradicionais e botan man da riqueza dos instrumentos nas súas creacións. Ao longo destes anos leva deixando  constancia da calidade dos seus directos divertindo e facendo bailar ao seu público en festivais de recoñecido prestixio, como o Festival de Pardiñas, Festa folc de Vilariño, Beltaine-Avilés Intercélticu ou o Festival Intercéltico de Lorient.


 
OS SEUS DISCOS E PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

O repertorio de Tiruleque confórmano, de momento e principalmente, os seus dous traballos discográficos que se atopan no mercado. O primeiro deles, co nome da formación, viu a luz en 2009. A súa segunda achega produciuse en 2013, cando publicaron Mu!, un bruído que chama á festa.

A súa participación no Runas do Festival de Ortigueira só é a primeira parada do seu periplo por Galicia neste verán, xa que na súa axenda xa se recollen varios concertos que serán anunciados proximamente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario