3 abr 2013

Sintoniza: RADIO COS


O vindeiro 16 de abril Fol Música publicará o primeiro traballo discográfico de Radio Cos


RADIO COS, uns pandeireteiros de sona que fixeron evoluír a nosa música naturalmente.

Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas do grupo, son dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galiza. As melodías utilizadas neste proxecto pertencen aos seus arquivos de gravacións de campo, traballo que levan facendo por todo o país desde hai máis de tres décadas.

Vai para xa nove anos que RADIO COS leva percorrendo escenarios en Bélxica, Inglaterra, Escocia, Bretaña e Galiza transmitindo o seu modo de entender a nosa música tradicional. Agora preséntannos o seu primeiro disco, música de raíz que mestura a sonoridade máis arcaica con elementos tirados da propia tradición e melodías alleas que gardan relación co país.

A banda confórmana tres prestixiosos músicos: Pedro Lamas na gaita e saxo soprano,Nikolay Velikov no violino e Xan Pampín no acordeón. Este traballo, concebido con forza e alegría, quere mostrar a invisibilidade que sufren as culturas minorizadas a pesar de estar aí, de arrodearnos, de ser verdades manifestamente palpábeis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario