30 nov 2011

A fadista María do Ceo prepara o lanzamento do seu novo traballo discográfico


Cunha longa carreira artística ás súas costas e 9 traballos discográficos publicados, María do Ceo amósase como unha das referencias do Fado en Galicia. Un estilo que traspasa fronteiras, unha linguaxe universal que a cantora de orixe portugués, galega de adopción, soubo manexar no seu idioma orixinal, máis tamén na lingua galega. “O Fado que sempre foi patrimonio da humanidade, mais agora co recoñecemento da UNESCO”, afirma María con ledicia pola recente nova.
O novo disco de María do Ceo “Fado com outro acento” vén de ser gravado en Lisboa e sairá á venda en febreiro do ano próximo. Un disco totalmente de Fado no que a cantora levaba tempo pensando, e que atopou o seu momento na experiencia e madurez que outorgan os anos. “Fado com outro acento” achéganos fados tradicionais ben coñecidos e algunha composición feita especialmente para este traballo. Os excepcionais músicos que participaron na gravación son José Manuel Neto na guitarra portuguesa, Miguel Gonçalves coa guitarra clásica e Daniél Pinto no baixo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario