28 jul 2011

Este xoves comezan os concertos do QUEROSTAR - Neverside + The Outsiders - 2.000 euros en premios, sorteo de ipod, streaming en directo...



Este xoves 21 de xullo, comezan con The Outsiders
e Neverside os concertos do Querostar,
o certame de música ao vivo da Sala The Star (Carral)

- Sortearase un ipod entre o público que asista aos concertos, que tamén se poderán ver en directo vía streaming en www.querostar.com

- O público poderá puntuar aos grupos usando unha pantalla táctil

- O Certame de Xornalismo Musical premiará con 200 euros a mellor crónica das actuacións

- Os tres grupos con mellor nota repartiranse os premios de 1.000, 500 e 300 euros para os finalistas

Comeza unha nova fase. Logo de seleccionar a 10 grupos entre as 135 bandas inscritas no certame, agora chega o momento dos concertos. Cada grupo terá que defender a súa proposta de riba do escenario, en directo na Sala The Star, o local de espectáculos de Carral que acolle o certame de música ao vivo QUEROSTAR. Serán cinco días de concerto con dous grupos actuando cada día, comezando por este mesmo xoves, 21 de xullo.

Os grupos vigueses Neverside (metal) e The Outsiders (hard rock) serán os encargados de inaugurar esta fase de concertos este xoves, 21 de xullo, na Sala The Star. Neverside -unha cañerísima banda creada en 2009 e formada por Cristian ao baixo e á voz, Nacho na batería, e Raphael e Javier ás guitarras- foi o segundo grupo máis votado polos internautas durante a fase de votación, mentres que The Outsiders (Tomás á voz, Luís e David ás guitarras, Adri no baixo e Manu á batería) quedou na quinta posición na lista dos máis votados.

Como ocorrerá no resto dos directos do QUEROSTAR, o concerto deste xoves poderase ver e oír en directo por streaming a través da webwww.querostar.com. Todos os concertos comezarán ás 22:30 e a entrada custará 3 euros (só hai que pagar unha entrada para ver os dous grupos). Entre todas as persoas que asistan aos concertos na Sala sortearase un ipod ao rematar o certame.

www.querostar.com

www.salathestar.com

O calendario completo de concertos é o seguinte:

21 de xullo - THE OUTSIDERS + NEVERSIDE

4 de agosto - ATAQUE ESCAMPE + MOON CRESTA

18 de agosto - AGÓNICA + FREEDOM XLAVE

25 de agosto - MOONDOGS BLUES PARTY + NOC

1 de setembro - ORQUESTRA ACONFÓNICA + A CONA YEYÉ

AS NOTAS>> Público (40%): un voto por consumición + Xurado (60%): Luís P. Ferreiro e Santi Romay

Tanto o público que asista aos concertos na Sala The Star como o xurado serán os que decidan o nome dos tres grupos que pasarán á gran final do certame e levarán os premios de 1.000, 500 e 300 euros para o primeiro, segundo e terceiro clasificado. O xurado está composto por dous expertos musicais dos que xa se coñecen os nomes: o xornalista Luis P. Ferreiro, responsable da sección de cultura local do xornal La Opinión de A Coruña e autor do blog musical La Cueva del Zorromono, e o actor Santi Romay, organizador do festival Nordestazo Rock, que este ano celebra a terceira edición. Cada un deles puntuará de 1 a 5 cada concerto, notas que se publicarán ao rematar todos os directos e que se ponderarán ao 60% coa nota outorgada polo público.

Canto ao público, con cada consumición os asistentes aos concertos na Sala The Star recibirán un código de votación co que poderán puntuar, tamén de 1 a 5, a cada grupo mediante nunha pantalla táctil instalada na propia sala. Poderán votar tantas veces como consumicións tomen. A nota media do público en cada concerto pesará un 40%.

Ao rematar todos os concertos, en setembro, publicaranse as notas medias de público e xurado que recibiu cada grupo, así como a nota definitiva logo de facer o cálculo 40-60%. Os tres grupos con mellor nota pasarán á gran final que terá lugar en outubro e repartiranse os 1.800 euros de premios.

I Certame de Xornalismo Musical: 200 euros á mellor crónica

Ao comezar os concertos comeza tamén o I Certame de Xornalismo Musical QUEROSTAR, unha iniciativa coa que Airapro, a produtora que organiza o certame, quere potenciar a análise crítica da música e dos concertos en directo. Calquera persoa que asista ou vexa pola rede un concerto do Querostar poderá mandar a súa crónica do mesmo, que será publicada na web do certame. O día da final, en outubro, un xurado escollerá a mellor crónica, que será premiada con 200 euros en metálico.

Querostar Quiz: tres abonos anuais para a Sala The Star

Tamén segue en marcha na web do querostar (www.querostar.com) o Querostar Quiz, un concurso de preguntas sobre música galega no que os tres mellores concursantes gañarán un abono anual para todos os espectáculos da Sala The Star.

No hay comentarios:

Publicar un comentario