21 dic 2010

Música galega para agasallar no Nadal

Antonio Prado . O renacer da música tradicional está ben claro á hora de intentar escoller un traballo para regalar nestas festas. Imos ver algúns exemplos, dos máis coñecidos, para que vexades todas as variantes que podemos atopar dentro dun mesmo xénero.

O camiño entre a música popular e a clásica

Con Soas, Rosa Cedrón e Cristina Pato móstrannos esa viaxe, unha transición entre dous mundos con tantas cousas en común. Con temas populares da nosa terra e tamén con textos de grandes escritores como Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro, este disco no que ademais de cancións a dúo aparece a Bratislava Symphony Orchestra, é unha opción ideal para alguén que non estea moi vencellado á música folk pero que sabe apreciar as cousas ben feitas. Un traballo que non pode faltar nas discotecas particulares.

A exploración para atopar as fronteiras do xénero

Moita da xente que desfruta coa música galega comezou da man de Mercedes Peón. A cantareira de Oza dos Ríos vén de presentar SÓS, unha viaxe polos seus anos de carreira, toda unha consolidación con novos ritmos pero sen esquecer a tradición. Por riba, o deseño é espectacular, cunha presentación nunha caixa de metal totalmente innovadora.

Tamén se pode a chegar á música folk por outra vertente, máis íntima, que recorda a viaxes musicais por Brasil, Cuba e demáis paises americanos pola variade de ritmos. Estamos a falar do Manual de sedución que presentou Marful hai un par de meses e co que é case imposíbel fallarlle a alguén.

Música galega para os máis pequenos

Eles tamén teñen dereito a desfrutar co noso, así que unha das mellores opcións é Mamá Cabra, que xa leva sete traballos co Ola, ola, la! que presentaron para este Nadal. E se non, seguen abertas as opcións do A nena e o grilo de Maxín Blanco ou o que sen dúbida foi a estrela durante este ano 2010, o Tic-Tac do coruñés Pablo Díaz.

Cando te convertes no protagonista do canto e o baile

E neste caso non serve o de que non se sabe bailar, porque Pesdelán ponlle unha solución ben sinxela a ese problema, incluindo no seu primeiro traballo Na punta do pé, un dvd onde se poden atopar as danzas sobre as que traballan, para que toda a familia se poña a bailar nas xuntanzas tan típicas.

Para cantar, non hai nada mellor que o Galeoke, un karaoke con temas galegos dende Berrogüetto até Os Resentidos, un agasallo que estou seguro de que vai a triunfar neste Nadal, porque todos o estabamos desexando.

Tamén xurdiu para este final de ano unha unión máxica entre Dónal Lunny, Michael McGoldrick e Xosé Manuel Budiño que tivo de froito o Celtic Roots, que se presenta como proxecto educativo para afondar no coñecemento e comunicación entre nenos galegos, ingleses e irlandeses. De verdade, ver a McGoldrick e Lunny tocar o "Pirimpimpim" no dvd rodeados de nenos non ten prezo.

O folk de sempre

E falando de grupos míticos, ten que estar Luar na Lubre. Acaban de sacar o seu novo traballo discográfico, que leva por nome Solsticio e que deixa patente o selo que os caracteriza dende un punto que pode recordar a música medieval. Tamén se buscamos folk podemos coller o disco de A Banda das Crechas, un repaso por tantos anos de foliadas no coñecido pub santiagués con temas galegos e de fóra.

O poder da voz

A produtora Músicas de Salitre saca o seu quinto disco, cos músicos Guillermo Fernández e Xabier Díaz, que foron os que levaron adiante esta iniciativa, sae ao mercado tamén Arrolos de Salitre, un disco que seguro que seguirá completando o camiño iniciado con Músicas de Salitre, Espido, Coplas para Icía e Benzón para que a voz tome un papel protagonista. O coñecido Coro da Rá de Santiago presentou o traballo Fraxil, unha aposta polas voces galegas con esa peculiar formación.

Penso que hai un lote de opción sonde elexir, así que a mercar cultura, que non hai mellor forma de agasallar a alguén e ademáis de axudar á xente da nos aterra, que nestes momentos ben merecido que o teñen todos eles.


Vía [A Nosa Terra]

No hay comentarios:

Publicar un comentario