7 feb 2012

Quempallou prepara o lanzamento do seu novo traballo discográfico “Vellas Novas”


O disco sae á venda a finais de marzo cun discurso cargado de retranca e unha estética baseada no mundo do xornalismo
Tomáronse o seu tempo, pero dende logo que foi para elaborar con moito convencemento e boas ideas o que xa é o cuarto traballo discográfico do grupo. Deste xeito, Quempallou, unha das bandas máis representativas do folk galego, volve a ser noticia. E nunca mellor dito, xa que o seu novo disco “Vellas Novas” toma forma nunha estética xornalística, que se verá reforzada coa publicación dun xornal que a banda ten pensado distribuír nos seus concertos.
“Vellas Novas” e un traballo cargado de matices sonoros e cunha gran dose de influencias musicais, que chegan dende a experiencia dun grupo que leva máis de doce anos en escena. Como é habitual en Quempallou, o disco asenta unha fonda raíz na tradición musical galega, a partir da cal, constrúe arranxos, adapta letras e crea novas composicións. Así conseguen unha sonoridade característica, apoiada nas percusións tradicionais, o acordeón e as cordas, sobre o que camiñan frautas, gaitas, e sobre todo a voz.

No hay comentarios:

Publicar un comentario