29 nov 2011

Leilía presenta ConSentimento


LEILÍA presenta CONSENTIMENTO, CD e album dixital
A finais do 89 decidimos dar a coñecer a música tradicional de Galicia, ao son de pandeiretas e voces, convencidas de que o canto galego, pola súa singularidade e forza, debía ter un espazo propio nos escenarios.

ConSentimento é unha homenaxe a todas as mulleres que fixeron e fan realidade a creación, a conservación e a transmisión da tradición oral galega.

Un agradecemento personificado na figura de Eva Castiñeira, unha cantadora, unha pandereteira, unha muller como tantas e tantas mulleres que dende case o anonimato sementaron a nosa terra de arte, cultura e beleza.

Coa inestimable colaboración do músico e arranxista compostelán Xoán Porto, propoñemos neste quinto traballo unha concepción musical acorde a unha nova realidade. Un disco no que apenas catro instrumentos: guitarra, acordeón, gaita e contrabaixo abrigan á perfección a beleza do canto tradicional, que nesta ocasión se engalana cos versos de sete poetas galegas da actualidade: Ana Romaní, Yolanda Castaño, Eva Moreda, Mariña Pérez, Eva Veiga, Ana Amado e Marilar Aleixandre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario