9 jun 2011

Noitarega na Coruña

Este venres día de 10 xuño, no Fórum Metropolitano de A Coruña (Ciclo Espazos Abertos) a partir das 20:30 h, o grupo de musica tradicional galega Noitarega presentará ao vivo "XXI", o seu novo traballo discográfico, un disco conmemorativo dos seus máis de 21 anos de existencia. O pasado 9 de Abril foi a Presentación Oficial en Vigo, nun concerto no que participaron Anxo Pintos (Berrogüetto) ou Susana Seivane, entre outros quince convidados de luxo; desta volta A Coruña é a cidade elixida para a presentación deste traballo discográfico, un disco que, aos poucos meses dende o seu lanzamento, xa esgotara a súa primeira edición.
Formado en 1989, Noitarega está considerado como un dos grupos de referencia no panorama da música tradicional galega, tendo ofrecido concertos tanto por toda a xeografía española (Festival Internacional de Mérida, Expo 92 de Sevilla, Palau de Congressos de Montjüic de Barcelona, etc), como en Francia, Portugal ou os Estados Unidos. O pasado 14 de Maio, Noitarega foi convidado ao concerto presentación de "Solsticio", o novo disco de Luar na Lubre.
Sen dubida, o concerto deste venres é unha cita obrigada para o público coruñés e en particular para todos os seguidores da boa música tradicional galega.


Prezo da entrada: 4 €.

myspace Noitarega:
http://www.myspace.com/noitarega


Noitarega - Tráiler promocional "XXI":
http://www.youtube.com/watch?v=qT9etkyTw7Y


Noitarega - Muiñeiras:
http://www.youtube.com/watch?v=CR026SdcELk&feature=related

No hay comentarios:

Publicar un comentario