8 oct 2010

Novo curso na Escola Livre da MPG

As aulas de ensino regular da Escola Livre da Música Popular Galega en Santiago
ten aberto o seu prazo de inscrición. A ELMPG é unha das seccións docentes máis
importantes de Galiza xestionadas polo Centro Galego de Música Popular,
aCentral Folque, para a aprendizaxe da música galega folque a tódolos niveis e
idades -a partir dos 15 anos- con profesionais en activo coma docentes. Esta escola
cumpre dez anos de vida e leva tres en Santiago de Compostela logo de consolidarse
en Lalín co Conservatorio de Música Tradicional e Folque, coma un referente no ensino
da música popular. Un proxecto detrás do que están vintedúas persoas traballando
plenamente para seguir investigando, promovendo, promocionando e ensinando
a música galega.

Os mestres escollidos para o cartel anunciador da
escola deste ano son dous dos músicos máis respectados da música popular galega: Francisco Estévez “Chuco” é un
percusionista veterano que formou parte de Chouteira e co afamado gaiteiro de Viascón, Ricardo Portela, no seu derradeiro disco; Edelmiro Fernández, mestre de gaita, o máis laureado intérprete de Galiza, que ten recollido múltiples premios coma solista e en cuartetos e substituído a Carlos Núñez na Banda Europa, formada por diferentes países da Unión Europea.

Novas caras se suman ao proxecto e a nova directora da sección educativa d'aCentral Folque, Gema Pérez, substitúe a Ugia Pedreira na labor pedagóxica -que segue á fronte de aCentral Folque- coordinará toda a actividade docente da escola, tanto as aulas regulares coma os cursos monográficos que se realizarán ao longo do ano.

aCentral Folque por medio do seu plan de ensino regular, mantén relación con outros centros análogos en Europa desde a súa fundación coma o CAT (Catalunya), Dastum
(Bretaña), Kodaly (Hungría) ou o D’Orfeu (Portugal) o que permite a visita de músicos doutros paises á cidade de Compostela ben para tocar, investigar ou intercambiar opinions en torno ao ensino das músicas populares.

  • Aulas da Escola Livre da MPG

O Concello de Santiago por medio da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais
apoia economicamente este proxecto de docencia especializada con mestres de
primeiro nivel e músicos profesionais ademais de ceder os espazos onde se van a
impartir as materias: CSC de Fontiñas, Castiñeiriño e Pontepedriña.

O curso comezará o vindeiro sábado 16 de outubro e estenderase até finais de xuño,
onde o alumnado poderá ir adquirindo as habilidades para desenvolverse no seu
instrumento con xeito e criterio na música de raíz e novas correntes do folk
contemporáneo cun ensino personalizado e individual, atendendo ás necesidades e
preferencias do alumnado, cun modelo único en Galiza para a aprendizaxe da música
tradicional, normalmente enmarcada en colectivos de carácter asociativo e veciñal.

Ademais do curso regular, aCentral Folque está a preparar os cursos monográficos que
versarán sobre temas concretos coma pedagoxía, práctica instrumental (corda
pulsada, harmónica,...) baile, ou espazos sonoros.

ESCOLA LIVRE DA MPG. Santiago de Compostela. Curso 2010-2011

  • Materias e mestres:

Canto: Paulina Ceremuzynska, Guadi Galego e Ugia Pedreira
Percusión tradicional: Francisco Estévez “Chuco”
Gaita galega: Edelmiro Fernández
Sanfona: Óscar Fernández
Acordeón diatónico: Pedro Pascual
Violino: Gutier Álvarez
Frautas e requinta: Roberto Sala

  • Matrícula na ELMPG

Para iniciar o proceso de matriculación na Escola Livre da MPG é preciso facer chegar
o formulario de inscrición ao Centro.

As prazas son limitadas.

A matrícula está aínda aberta e quedan prazas libres até completar o límite
establecido, para formalizar a inscrición.

O ensino é personalizado e as aulas son individuais habendo, ao longo do curso,
combinacións para tocar en grupo co alumnado da propia especialidade ou en
concunto con outros instrumentos.

A cátedra é libre e o docente confecciona ao seu criterio, o proxecto curricular,
atendendo ás peticións e preferencias do alumnado.

+ info:
aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular
Salvadas 22, baixo.
15705. Santiago de Compostela
info@folque.com
+34 881 031 829

Contacto comunicación: Mauro Sanín

No hay comentarios:

Publicar un comentario