18 dic 2013

Vai de roncos

Incomprensible. A actitude de Susana Seivane e Cristian Silva no Luar do pasado venres non ten perdón. Defender a súa cultura? Por favor! Debería caerlles a cara de vergoña por plantarlle cara a un invento que o Sr. Xosé Lois Foxo vende como galego.

É televisión, pero que máis dá o espectáculo que se monte, e que máis dá se teñen razón nas súas verbas? A actitude non foi a correcta, que feríu a un pobre rapaz que non tiña nin idea do que estaba a facer, ben se vía na cara de coitadiño que tiña mentres afinaba cada ronco da súa gaitiña que, por certo, como xa estaba virtualmente eliminado levou, no canto de empregar a tradicional que levara na primeira ronda. Ai, meu pobre!

Ademáis van a falalo no Luar, no que ata vai Isabel Pantoja! Van de enxebristas e logo levan a cantantes de copla, xa lles vale, aínda que non teña nada que ver unha cousa coa outra, isto con Fraga non pasaba! 

Non imos a intentar pensar nin un minuto que as críticas van encaradas a defender a súa cultura, a nosa, a de todos, a que debemos de coidar cada minuto e ten unha variedade e calidade envexable de por si, xa que sería inxusto que o fixeran logo de que Denís fose a concursar ca gaita marcial, tiñan que estar calados xa que somos todos amiguiños, e os discursos políticamente incorrectos é sabido que non quedan ben.

Que os rapaces se achegan á cultura galega dun xeito que non é o correcto? Non importa Susana, non o digas nun programa de televisión, que está claro que o dis para que a túa familia venda máis gaitas.

Por todo isto, GRAZAS por dar a cara pola nosa música no Luar.


Imaxes: Páxina de Facebook "Non á falsa tradición galega na CRTVG".

Antonio Prado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario