14 abr 2012

Quempallou - Vellas Novas (2012)

Houbo que agardar cinco anos para que os Quempallou baixasen da súa viaxe "Polo aire" na que facían un disco no que a radio tiña un protagonismo moi especial para que nos contasen estas "Vellas Novas" que veñen de sacar ao mercado.

Foron moitas as cousas que cambiaron para este grupo, e comezando pola súa formación, xa que dende ese anterior traballo houbo dúas baixas, as de Xulio Abal (arpa) e Xulio Coira (gaita e clarinete), que a pesar de que fixeron que non se notasen en gran medida, o certo é que se botan en falta sobretodo eses momentos nos que Guillerme e Xulio facían as delicias dos seus seguidores coa gaita e requinta o primeiro e a gaita e o clarinete do segundo.


Comeza con moita forza o disco, cun par de pezas cantadas que estiveron dispoñibles dende unhas semanas antes na súa web e que mesturando a tradición e a orixinalidade animan a bailar, un requisito indispensable para os concertos de Quempallou. Hai tempo para os agarrados, para botar unha xota ou unha muiñeira, pero tamén para durmir... ou para quedar durmido! Pero non é nada malo non, é que inclúen por primeira vez un arrolo entre as pezas dos seus discos.

A portada a modo de xornal, un formato que se mantén no libreto, o xornal que ten un sumario onde xa ollas todo o que vas a atopar e onde nas fotos vemos de novo o grande respeto pola nosa tradición que teñen. Aparece Farruco de Murias, tamén o finado José Rama, Ramona da Estrela... responsables dalgunha das pezas do disco.

Chama moito a atención o "Viva a parodia", que con música e letra tradicional (de Beluso, Bueu), os Quempallou aderezan convertíndoa nunha das máis rítmicas que hai. Algo que tamén se pode botar de menos é o contido social que se atopaba nalgunhas das letras de publicacións anteriores, aínda que como dicíamos, este xornal que serve como libreto esta feito reivindicando a presenza de prensa en galego, o cal tamén se agradece nestes tempos tan duros! Outra peza que chama a atención é a que pecha o disco, xa que se no anterior foron os Dios ke te Crew, agora é Leo i Arremecaghona o que pon un toque distinto, unha esencia punk cunha letra que si que nos deixa claro o mundo onde vivimos.

Quédome cunha frase que me chamou especialmente a atención... "Practicar muiñeira unha vez ao día recude o acido folclórico", xa sabedes!

Antonio Prado | Folk in Trío

No hay comentarios:

Publicar un comentario