8 jul 2011

Este venres 8XUL - Concerto acústico de SÉS en MUGARDOS: blues, rock e ritmos latinos EN GALEGO - María Xosé SIlvar e Tito J. Calviño

Venres 08 de xullo – 22:00 – Entrada de balde
Peirao de MUGARDOS (Cantón de Cora)

Concerto acústico de

SÉS

María Xosé Silvar e Tito José Calviño

Blues e rock and roll, en galego, orixinal e desenchufado. Esa é a fórmula de Sés, o novo proxecto de María Xosé Silvar, que este venres, 8 de xullo, ofrecerá un concerto acústico no peirao de Mugardos, na véspera da coñecida e esperada festa do Polbo que se celebrará o sábado 9. A partir das 22:00 horas no Cantón de Cora, ao pé da ría, María Xosé Silvar e o guitarrista Tito José Calviño interpretarán os seus temas en clave acústica e coa impresionante voz da que fora cantante de Chámalle Xis!, que ademais é autora de todos os temas.

O concerto de Mugardos será unha pequena mostra, en formato acústico, do grupo Sés, unha banda de blues, rock e música latina dez músicos, que precisamente está estes días rematando de gravar o que será o primeiro disco da formación: Admirando a Condición, un traballo que se publicará a finais de mes e que María Xosé Silvar presentará en directo con toda a banda no teatro Rosalía de Castro (A Coruña) o vindeiro 21 de xullo. As entradas para este concerto presentación xa están á venda.

Admirando a Condición está producido por Airapro, a produtora audiovisual creada en Carral polos actores Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro, máis coñecidos polo seu traballo como Nucha e Mucha, as Cantareiras de Ardebullo, no programa da TVG Luar.

Formada na música e no baile tradicional, María Xosé Silvar é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso Acoruña Son, apadriñado por Santiago Auserón, quen no seu día cualificou a María Xosé como “unha bomba” no escenario. Despois de máis de 30 concertos por toda Galicia con Chámalle Xis! e logo de colaborar con grupos coma Zënzar, AiraPro produce o primeiro álbume de María Xosé Silvar (ou Sés, como lle chaman “na casa”), con temas propios e acompañada dunha banda de músicos profesionais. Un proxecto en feminino no que o carácter, a forza e a creatividade de María Xosé rompe o molde da muller na música galega.

Aínda que o concerto do sábado será unha versión reducida e acústica na que só participarán María e o guitarrista Tito José Calviño, os músicos que integran a formación completa de Sés son David Paz (que ademais de tocar o saxofón e o clarinete, é o produtor musical de Sés e responsable, xunto con María Xosé Silvar, dos arranxos dos temas), Tito Calviño na guitarra, Octavio Vargas no baixo, Miguel Queixas á batería, Jose Rodriguez no saxo, Moncho Ces á trompeta, Cristian Leggiero no teclado e Aixa Romay, Lucía Souto e Carla Álvarez nos coros.

www.mariaxosesilvar.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario